María Xosé Queizán: “Pídolle contas a Blanco Amor polo seu comportamento como gay”

EntrevistaMaría Xosé Queizán de Jorge Lamas a María Xosé Queizán en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Vostede parte dun feitos máis ou menos coñecidos para tecer unha historia [A boneca de Blanco Amor].
– María Xosé Queizán (MXQ): Si, o que eu fago é recuperar unha personaxe que Blanco Amor deixa simplemente como o que ten a boneca. A boneca, que foi clave para min para escribir o libro, tamén é clave en A Esmorga. É máis que unha boneca porque suscita desexo dun dos esmorgantes que o leva a rachala e á violación, é dicir ten un papel moi importante, non así o seu dono. Pero eu recupéroo e convértese en fundamental na miña novela. (…)
– LVG: ¿Alude dalgunha maneira a Blanco Amor na novela?
– MXQ: Eu pídolle contas e dígolle o que non lle dixen en vida. (…)
– LVG: ¿Por non falar abertamente da súa condición?
– MXQ: Si, a homosexualidade marcou a súa vida, incluso tivo que marcharse de Ourense. Eu vivín o regreso de Blanco Amor a Galicia, coñecino cando xa era moi maior e puiden comprobar, e estiven en conversas con outros persoeiros galegos do seu tempo, como era o trato, como o feito de ser homosexual lle dificultaba moitas cousas. Moita xente falaba moi ben del pero logo non eran amigos como podían ser entre eles. Sempre estaba presente aquel estigma. El viviu iso con moita dor. A pesar de que era un home moi orgulloso non fixo o que eu penso que debería ter feito. (…)
– LVG: ¿Que lle pareceu a versión cinematográfica de A Esmorga?
– MXQ: Estiven na estrea en Ourense. Gustoume. Axústase moito á novela e resolve aspectos nada doados; o guion é moi bo, a interpretación é magnífica e os escenarios tamén. Eu que non son nada partidaria do cine nin galego nin español porque me gusta o cine ben feito, e non estou para volver a empezar, quero dicir que son bastante intransixente. Sen embargo, creo que esta é unha película exportable perfectamente e de gran interese porque a obra o ten, polos seus personaxes cheos de vida. Penso que podería concorrer perfectamente ao Oscar en idioma estranxeiro. (…)”