Entrevista a Rosa Enríquez na revista Palavra Comum

EntrevistaRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal a Rosa Enríquez en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, fotografia, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– Rosa Enríquez (RE): Traballar con artistas -músicos, fotógrafas, pintores, actrices e cineastas- é ben interesante e arriquecedor. Non teño moita experiencia nisto, pero si que me gustaría, por exemplo, escoitar un poema meu cantado. Pregúntome moitas veces como soaría. Ogallá teña a oportunidade de vivir esta experiencia algunha vez. Até o de agora, só colaborei cos fotógrafos Carlos Silva e Vítor Nieves. Este último fixo a portada de Unicrom e foi parte esencial da performance Palabra en movemento, baseada no poemario Vestíbulo da devastación. Nesta performance participou tamén a fotógrafa Andrea Costas. E xa, recentemente, colaborou comigo Charo López, que vén de facer a portada de Espectros. Antes diso, fíxoo a ilustradora Ana Cibeira, autora da portada de Desobediencia, e o pintor Leandro Lamas, autor da do Atlas de Chaguán. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– RE: Creo que é fundamental facer visíbel a creación do gusto que se xera nas novas xeracións a partir dun canon absolutamente patriarcal. Neste sentido, creo eu, cómpre non só recoñecer de cara á galería o traballo de tantas mulleres que escriben, pintan, fan cine, música ou se dedican á fotografía, mais poñer isto en práctica dunha vez, de xeito que a análise inherente aos seus traballos figure no plan de estudos. Querería eu ver, nalgún manual de literatura, por exemplo, non só unha visión non condescendente do que escriben as mulleres, mais unha análise explícita das causas que provocaron o silenciamento da súa obra durante anos. Que o alumnado galego saiba por que Virginia Woolf tardou tanto tempo en entrar no canon, malia o excelso do seu traballo, ou até que punto se instrumentalizou a figura de Rosalía, presentada como unha “santiña”, obviando o seu discurso político. Paréceme moi importante que comprendan non unicamente que ten poemas “heavies”, mais as razóns polas que este aspecto da súa escrita foi obviado e en que medida este feito foi penoso. E tendencioso tamén. A día de hoxe, a concienciación de moitos homes, ao respecto da igualdade, é só aparente. Por iso, o que se observa, nidiamente, é un desexo de “quedar ben”, para ofrecer unha imaxe amábel. De non ser isto así, as institucións non estarían ateigadas de homes e o seu gusto non impregnaría o sistema literario. En efecto, creo que todas/os entramos un pouco nese xogo do poder cultural, porque non sabemos/non queremos mudar o foco. Sempre ollamos o traballo que se publica nas grandes editoras. É curioso isto, a verdade. Pensa, por exemplo, no cinema. Non percibes unha inquietude grande, entre a cinefilia, por ver esas pelis independentes, feitas cun orzamento cativo, que propoñen outro xeito de mirar distinto, menos edulcorado que o da industria? Eu si que o percibo. Claramente ademais. E non só noto esta curiosidade, mais tamén que o feito de tela é motivo de orgullo. Na literatura galega non sucede isto. Cantas persoas leron, por poñer un caso, A perspectiva desde a porta, de Patricia Janeiro? Aparte das amigas e amigos da escritora, amais dalgunha persoa “solta”, creo que pouco máis. Teño unha sensación forte de que neste país, a pouca xente que le en galego, le, fundamentalmente, o que se lle coloca diante dos ollos ou aquilo que escriben as amizades. Así é que algunhas críticas que se escoitan sobre o funcionamento do sistema literario parécenme, sinceramente, feitas coa boca pequena. (…)”