Entrevista de Yolanda García a Armando Requeixo en La Voz de Galicia:
“(…) O venres, terá lugar ás 20:30 horas no Concello de Mondoñedo a presentación do libro de Daniel Pernas Nieto (Abadín, 1884-Mondoñedo, 1946) Fala das Musas e outros poemas. O editor do mesmo é Armando Requeixo.
– La Voz de Galicia (LVG): Recupérase un libro publicado en galego durante a Guerra Civil e iso o fai do máis interesante.
– Armando Requeixo (AR): Imprimírase nos Talleres Foxo de Ortigueira. El estudou no Seminario de Mondoñedo, cidade na que se instalou, arredor da escola literaria mindoniense. Ten un interese polo valor documental da obra, porque é un dos moi poucos poemarios publicados en galego durante a Guerra Civil. Foi o primeiro e é unha das escasas mostras en galego desa época. Ten un valor histórico-literario tamén. Ten ese simbolismo e significación para a cultura e historia galegas. Sen embargo, non se podía acceder a el a non ser que fora nunha bibioteca moi especializada. Interesoume recuperar ese volume e facelo nunha edición moderna para as xeracións novas. Unha vez feito o esforzo de recuperar o título, ao longo de anos de investigacións atopei outros poemas do autor que deixara espallados en revistas e xornais de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, non recompilados. O que fixen foi facer esa edición con Fala das Musas e outros poemas restantes. Acaba sendo unha especie de poesía, máis que completa, reunida. Aproveitei para compilar toda a outra produción. Ten tamén interese o libro porque o volume do ano 1936 ten un prólogo de Álvaro Cunqueiro, interesante, obra mestra coma todas as del, no que fala da poesía en xeral, da palabra creativa. O libro ten o aliciente de que no estudo introdutorio que antecede á recollida da sua produción poética fixen un perfil biográfico amplo. Era pouco o que se coñecía de Daniel Pernas, reconstruínlle a súa peripecia vital e editorial, que así queda para futuros investigadores. Primeiro, a presentación é unha panorámica do valor da súa obra escrita. Eu abrín o camiño. Penso que esta é unha base sólida sobre a que construir. Ademais, o libro ten unha parte final, críticas que se fixeran de Fala das Musas a primeiros do 37, falando sobre o autor.
– LVG: ¿Tivo Pernas Nieto boa crítica?
– AR: O plus que engade é que escribiu en galego en tempos que non axudaban nada a que puidese saír así, pero fixo que se aplaudise algo así. Metín textos de varias persoas que saudaron positivamente o libro cando apareceu para completar a visión.
– LVG: ¿Que reflectiu nos poemas?
– AR: Daniel Pernas Nieto foi un poeta da escola noriegana, de Noriega Varela. A poesía dalgúns versos son de impronta paisaxista, outros son máis arredor de feitos ou acontecementos da vida local de Mondoñedo e da Mariña e ata hai unha vea social de denuncia referida á emigración ou a circunstancias da realidade da comarca e tamén poesía de sentimento.”