Desde Sermos Galiza:
“Máis de 300 persoas déronse cita este sábado na Casa-Museo Manuel María para homenaxear a Rosalía de Castro na fase final do concurso escolar de recitado de poemas Rosalía sempre viva. A casa na que naceu o poeta abriu ese día as súas portas para acoller o acto central da iniciativa e o auditorio quedou pequeno para crianzas e familiares que participaron da xornada.
Un xurado formado, entre outras persoas, polos escritores Paco Martín e Marica Campo ou a profesora Anxa G. Refoxo valorou o recitado das composicións por parte de 74 estudantes, entre 5 e 18 anos. Na xornada lembrouse que o propio Manuel María se declaraba “un auténtico devoto” da obra de Rosalía e, nese sentido, a Fundación acolle cada ano diversas iniciativas arredor da escritora fundadora da nosa literatura contemporánea. Desta volta, a Casa de Hortas foi a sede desta primeira edición do concurso escolar para alumnado de todas as etapas do ensino non universitario Rosalía sempre viva.
Até Outeiro de Rei chegaron estudantes chegados de moi distintas localidades galegas como Vilagarcía de Arousa, Moraña, Coristanco, A Coruña, Cervo, O Carballiño, Lugo ou Mesía que foron seleccionados na fase inicial que se desenvolveu nos propios centros de ensino.
O premio ao mellor recitado na 1ª Categoría -dividida por idades- recaeu no grupo de 1º de Primaria do CPI de Xanceda (Mesía); o premio da 2ª Categoría foi para Irea Ferreiro López, do CEIP Virxe do Corpiño (Begonte); o premio da 3ª Categoría foi para Fátima Barros Monteagudo, do CPI Santa Lucía (Moraña); e o premio da 4ª Categoría foi para Alejandro Sánchez Cela, do IES Leiras Pulpeiro (Lugo). O CEIP de Albeiros (Lugo) foi tamén recoñecido como centro que máis alumnas e alumnos finalistas conseguiu situar na fase final do concurso.”