Os Paseos pola Coruña literaria son unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
A volta á cidade xerminal, Manuel Rivas.
Sábado, 14 de marzo, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Porta Real, antiga Avenida da República.
A Coruña, cabo do Faro, era unha cidade-libro. O libro estaba no escudo. Un almeiro urbano de bibliotecas populares, ateneos, escolas racionalistas e centros de librepensamento. En 1936, o fascismo quixo queimar e borrar do mapa todo iso. A novela Os libros arden mal conta a historia dramática da cultura, mais tamén a estratexia da memoria para xermolar nas cinzas. A literatura anda ás ceibas pola cidade-libro.
A Coruña de Luísa Villalta, María Casar.
Sábado, 25 de abril, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Estatua de Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez.
Un percorrido polos espazos da cidade da Coruña que Luísa Villalta poetizou nos libros En Concreto e Papagaio ofrécenos a fusión entre poesía e paisaxe que sinala ao territorio como xerme da creación.
A cidade do vento e do mar que se sabe sempre aí, medrando en ondas que mollan os ollos e lamben as xanelas, faise palabra e debúxase no vento en ceos poboados de nubes.
A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, actualizando a súa inclusión no inventario dos lugares literarios do noso país.
As pedras percebeiras da Torre de Hércules (Ruta de Ulyses Fingal), Xurxo Souto.
Sábado, 16 de maio, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Praia de santo Amaro.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas , A Coruña é unha fin do mundo –Torre de Hércules, Torre de Breogán–, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal (Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Concha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro… Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta –dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.
NOTA: agradecemos enormemente ao público o seu interese nesta actividade, que levou a que xa se cubrisen todas as prazas.