María Xesús Nogueira: “O ensino favorece o compromiso dos lectores co libro en galego”

EntrevistaChus Nogueira de César Lorenzo Gil a María Xesús Nogueira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Por que crear esta asociación [Galega da Crítica]? Por que se disolve a sección de Crítica da AELG?
– María Xesús Nogueira (MXN): A razón principal foi a de crear unha asociación independente e non restrinxida unicamente á crítica literaria. Consideramos que a Sección de Crítica da AELG cumprira unha boa parte dos obxectivos cos que fora concibida. Un dos problemas que había era que escritores e críticos compartían espazo. Era preciso iniciar un novo camiño.
– B: Debullemos os obxectivos: Entre eles está o de analizar a produción artística. Que eivas considera que existen agora mesmo neste aspecto que faga necesaria unha reflexión por parte da asociación?
– MXN: Máis que eivas, a análise crítica da produción artística adoece na actualidade, en xeral, de falta de visibilidade e de recoñecemento. A crítica aparece moitas veces absorbida por outros discursos, diluída neles. Existe ás veces unha certa confusión a respecto da actividade da crítica, coma se se reducise só á emisión de xuízos de valor antes que á argumentación e á análise. Se nos cinguimos ao ámbito específico da cultura galega, a invisibilidade é moito maior debido á presenza cada vez menor nos medios. A progresiva redución de espazos (pensemos, por exemplo na desaparición de publicacións periódicas nos últimos anos) constitúe un problema engadido ao desenvolvemento da crítica. (…)
– B: Outra meta é contribuír á promoción do libro galego no exterior. Que ferramentas considera que son as máis acaídas? Hai voces que defenden chegar a fóra con subvencións públicas á exportación (tradución) e outras que consideran que a crítica si ten un papel: o de escolmar, o de transmitir fóra das nosas fronteiras qué ten calidade e qué non. Déame a súa opinión.
– MXN: Non creo que as dúas vías sexan en absoluto incompatibles. O apoio á tradución é unha das vías fundamentais para a difusión da literatura galega. A crítica, coa súa función mediadora, ten tamén un papel importante que non consiste, ao meu entender, en ditaminar o que ten calidade senón en orientar, proporcionar pautas e construír pontes. Se insisto nesta función non (unicamente) prescritiva da crítica é porque creo que está a circular unha visión bastante reducionista dela. (…)
– B: Especificamente, a asociación ábrese á crítica nos medios dixitais. Valóreme este fenómeno relativamente novo. Pensa que é útil a proliferación de webs sobre letras galegas?
– MXN: Non podería ser doutra maneira. A contribución destes medios paréceme fundamental, non só pola súa presenza, senón tamén polo papel que están a desempeñar nun contexto marcado pola desaparición nos últimos anos de espazos para a difusión da cultura galega e da crítica en particular. A migración dunha parte importante do xornalismo cultural e da crítica a estes soportes resulta significativa. Se a esta razón engadimos as posibilidades que as novas canles ofrecen (non sempre explotadas), a valoración é positiva. (…)
– B: Hai escritores que se queixan de que a crítica en galego é moi “filolóxica”, demasiado académica nos seus conceptos e nas análises. Como ve este tema?
– MXN: Hai tempo que Antón Figueroa explicou a “filoloxización da lectura” como consecuencia dunha situación diglósica. Esta filoloxización talvez se vise reforzada, no que á crítica se refire, pola incorporación nas últimas décadas de promocións procedentes da Filoloxía Galega e tamén da Teoría da Literatura. Con todo, neste momento,o carácter filolóxico –no sentido de académico– da crítica creo que ten que ver máis co seu destinatario, o que debe entenderse como un signo de normalidade. (…)”