Entrevista de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”