María N. Soutelo: “Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal”

EntrevistaNeves Soutelo de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”

A Coruña: presentación de Nestes Días, de Neves Soutelo

O Neves Soutelosábado 22 de novembro, a partir das 11:00 horas, no estudio de fotografía de Andi Irrazábal (Rúa Poeta Trillo Figueroa, 9) da Coruña, preséntase Nestes Días, de Neves Soutelo, publicado pola Porta Verde do Sétimo Andar. No acto terá lugar un obradoiro de Escrita Creativa e un recital poético. O aforo máximo é de 15 persoas.