Desde Sermos Galiza:
“O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, reivindicou a literatura como “lugar de soberanía do idioma” e o papel da prensa “galega e en galego”.
O Círculo das Artes de Lugo acolleu a Gala das Letras, durante a que se deron a coñecer as obras gañadoras dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). A obra A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz foi elixida como o mellor título de 2014 en narrativa polos centos de socios e socias.
Abriu a Gala a xornalista da TVG María Solar que recordou que “seguimos soñando, querendo e amando a nosa lingua”. Foi seguida do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, que reivindicou a literatura como “lugar de soberanía do idioma” e a escrita literaria “como un elemento normalizador”. Sánchez fixo mención ao papel dos medios e asegurou que “só con prensa galega e en galego é posíbel dicir as nosas verdades”.
A distancia do tambor de Eva Veiga fíxose co galardón na categoría de poesía, mentres que Carlos Negro conseguiu o premio a mellor obra de literatura Infanto-Xuvenil por Penúltimas tendencias. “O meu maior premio son os ollos da rapazada á que lle descobres o mundo cunha palabra”, dixo durante o discurso. Montse Dopico foi a gañadora na categoría de xornalismo cultural. “Non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar respirar”, manifestou.
A AELG entregou outros tres premios honoríficos e unha distinción, anunciados con anterioridade. Recoñeceuse Josefa Arias e Emilio do Pando, por unha vida dedicada a transmisión da cultura popular galega, co premio ‘Mestras-es da Memoria’. O Escritor Galego Universal 2015 foi para o autor brasileiro Luiz Ruffato. Abraham Cupeiro e Iago González puxeron a música na Gala das Letras “dando vida aos instrumentos esquecidos”. (…)”