Miguel Mato: “A miña xeración está formada por anxos da derrota”

EntrevistaMiguel Mato de Carme Vidal a Miguel Mato:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que demorou a súa volta á poesía?
– Miguel Mato (MM): Non tardei en volver á poesía, senón en publicar. Escribo continuamente, mais, para sacar un novo libro, tenme que gustar; ten que responder a algo que está dentro de ti. Por outra parte, gustaríame publicar ensaio e narrativa, mais non é doado. En especial para min, que escribo relato. A realidade é así: quixera publicar; porén, non existen moitas ocasións.
– SG: En cambio, cónstame que desde Caldeirón, insistiron para que publicase este novo libro de poesía [Terra fría].
– MM: Así foi. Paco Souto tiña desexos de publicar un libro meu, e eu tamén de o facer con Caldeirón, porque é un proxecto no que o amor ao libro se nota. Alén da amizade, e que é unha editora de Malpica, a miña terra, estou feliz e agradézolles moito que mo ofrecesen. Eu non me atrevía a pedirllo, porque sei que publicar un libro é un esforzo, e teño consideración con quen inviste e fai esforzos económicos para a creación de cultura. Ponme moito respecto.
– SG: Se cada libro responde a un momento, que explica o nacemento de Terra fría?
– MM: Considero que é unha continuación de O whiskey na barrica, mais trátase dun libro máis sombrizo. Non é xa esa visión case arcádica, nostálxica e luminosa, senón algo máis amargo e pesimista. Deixa ver a consciencia do paso do tempo; das mudanzas que traen horizontes máis escuros. É unha visión pesimista sobre o mundo, sobre desexos frustrados e soños colectivos que non se cumpriron. Tamén a preocupación polo estado da lingua, moito máis ca unha ferramenta de traballo, a memoria da historia colectiva do país. Manuel María dicía que cando se perde unha lingua o mundo empobrece. O libro expón unha visión dun mundo que se esnafra contra unha curva sen ver o sinal de stop.
– SG: Esa sensación de derrota e desastre é un signo xeracional?
– MM: Compartido con poetas como Ramiro Fonte, Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello ou o mesmo Manuel María, unha referencia ética na concepción de como debe estar o poeta no mundo, da percepción do país a través da lingua, de talante ecoloxista e conservacionista.
– SG: Cita nomes cos que compartiu hai trinta anos o grupo De amor e desamor. Mudou o entusiasmo de entón en pesimismo?
– MM: Convivimos con formas de cultura que a xeración anterior non coñecera, como o rock, unha poesía moi desenganada. Este libro, poño por caso, inspírase nun tema de Tom Waits. Somos, en certa medida, anxos da derrota. Antes saïamos dunha época hostil e abríase unha etapa de esperanza, e agora volvemos a un tempo duro. (…)”