Vítor Vaqueiro: “A miña preocupación polo galego é un combate político contra a lingua que nos intenta eliminar”

EntrevistaVítor Vaqueiro de Carme Vidal a Vítor Vaqueiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vinteseis anos despois de A cámara da névoa e doce desde o compilatorio Traxectorias. Obra poética (1977-2002) no que inclúe poemas inéditos aparece un novo libro seu de poesía, xénero no que se iniciou na escrita.
– Vítor Vaqueiro (VV): Efectivamente. Estou sen escribir poemas uns anos desde 1989. Despois de A cámara da névoa comezo a escrita do que se ía chamar A fenda no horizonte, un único poema que tiña como fío condutor a volta dos exiliados despois da semicaída da ditadura. Tiña concibido ese libro como un poema único duns mil versos dividido en tres partes mais, cando remato a primeira, duns 350 versos, acontece que non consigo seguir escribindo. Entendo que non teño máis que dicir e comezo a navegar cara a narrativa e veñen entón dous libros de relatos breves. En realidade o silencio non é tan longo xa que desde o 89 recomezo a escribir poesia o 15 de marzo de 1997, en realidade é unha parada poética duns oito anos. Que pasa desde entón? Que non teño urxencia de publicar. Ese 15 de marzo comezo Teoría do coñecemento, poemas en prosa que continúo a escribir e que agora deben ser por volta de corenta que relacionan poesía, ciencia e filosofía. O que acontece é que aínda non o dou por rematado. Palavras a Espártaco meteuse no medio e Teoría … ficou aparcado, ao igual que un libro de relatos brevísimos. O silencio é de 89 a 97 e tampouco ten tanta relevancia. Cavafis non publicou nada en vida e repartía os poemas entre os seus amigos. Cando morre as carpetas estaban todas ordenadas, prontas para a sua publicación. (…)
– SG: Cómpre, entón, desde a literatura, un esforzo por coidar a lingua e traballar coas palabras?
– VV: Con ese fin darei todas as voltas que haxa que dar. Xa o dicía Ferrín no seu prólogo ao meu libro Informe da gavilla, no que falaba da morte ao castrapo, de laborar polo idioma. Concibo a miña preocupación polo galego como un combate político contra a lingua que nos intenta eliminar.
– SG: Cando parte desa idea, que en principio tiña que ser natural, está a dicir que no ámbito literario hai quen non coida a lingua?
– VV: Digamos que hai xente cun idioma escrito extraordinário, pouca, e outra que non ten ese coidado e prefire tirar para adiante. Nomes coñecidos temos nos dous grupos. O que acontece é que cando tiras para adiante estaste subordinando ao español. A inmensa cantidade de información chega a través do español e cómpre ter unha actitude vixiante porque aínda que, como no meu caso, teña abandonado esa lingua hai corenta anos, percibes que está acazapada e compre esa actitude vixiante. Son dos que pensa que ese é o meu labor, do punto de vista literario, volver as palabras á tribo.
– SG: Por que tira da figura de Espártaco para traela ao presente de maneira poética neste novo libro?
– VV: Trátase dunha figura que adquiriu unha sona extraordinaria. Arredor del fixéronse películas, libros e obras de artes. Simboliza a loita pola xustiza e tamén a capacidade, do punto de vista máis progresista, de vencer fronte ao poder. David e Goliat. É a metáfora da confianza nas propias forzas, de como un conxunto de persoas, sen exército nin armas, son quen de se enfrontar a maior maquinaria bélica do momento, con disciplina. Un exército de escravos vence ao imperio romano. É a metáfora do Vietcong, que derrota á maior máquina de matar, da loita dos tupamaros ou dos nosos compatriotas que derrotan o exército de Napoleón. É a posta en marcha do desexo de xustiza. A loita pola xustiza só rematará cando o mundo desapareza. (…)”