Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“As campás da igrexa de San Xiao de Bastavales, freguesía do Concello de Brión, no val da Amaía, ecoan no corazón da voz feminina deste poema no que non poucos rosaliólogos quixeron ver a propia Rosalía. As súas badaladas espertan nesa voz, talvez autobiográfica, un proceso de rememoración no que se cadra non son alleos os días vividos na contorna, concretamente na aldea de Castro de Ortoño, onde segundo a memoria oral e de vida a autora deste poema incluído en Cantares gallegos puido morar parte da súa nenez coidada pola familia de seu pai, o crego Manuel Martínez Viojo.
O que si é claro é que Bastavales e a redonda padronesa foron eidos caros a Rosalía, que os cantou en múltiples ocasións, deixando constancia da fermosura destas terras e dos sentimentos que as mesmas arrincaron nela. As Torres da Hermida en Lestrobe, o propio Padrón, as veigas de Laíño e outros espazos cruzan as súas composicións, que entrañan así un especialísimo territorio poético e vivencial xa para sempre inmortalizado pola súa escrita.
Imposible non pasar por Bastavales e morrer de soidades na paisaxe rosaliana. As coitas das vivencias fuxidías consomen aquí e os recordos veñen mainos polo que foi e xa non será, con Rosalía sempre.”