Xosé María Álvarez Cáccamo: “Con Canle segredo Álvarez Blázquez adiántase dalgunha maneira ao seu tempo”

EntrevistaXosé María Álvarez Cáccamo a Xosé María Álvarez Cáccamo, desde a Real Academia Galega:
“El mesmo definíase como un home cíclico, condición que explica en parte que a partir dos anos 50 se centrase máis na investigación, a comunicación xornalística e o labor editorial. Pero Xosé María Álvarez Blázquez afondara antes na creación literaria, un camiño no que “o seu mellor libro de poesía” é Canle segredo, asegura o seu fillo e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Desta obra falará o vindeiro día 15 na homenaxe que a Real Academia Galega lle renderá a Álvarez Blázquez no seu Tui natal co gallo do centenario do seu nacemento. Na xornada, moderada pola académica Margarita Ledo, tamén intervirán o académico Darío Xohán Cabana e Ana Acuña.
(…) – Real Academia Galega (RAG): Cales son esas claves?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Todo o mundo ten comentado que se trata dun libro conversacional, onde hai unha carga emotiva moi importante. É un libro de amor, de solidariedade coas vítimas da historia, de evocación da nenez, tamén de referencias aos fillos. Pero detrás diso que poderiamos chamar tema aparente hai un motivo, para min máis ca un motivo complementario, un elemento temático importante que non se revela de maneira inmediata. É o propio concepto do secreto, que non é fácil de transmitir. Por outra banda, o poeta está permanentemente preocupado por coñecer a esencia das cousas (…), esa preocupación polos significados ocultos da existencia que el tenta descubrir a través dun poema ou dos signos da natureza. (…)
– RAG: Hai coincidencia na crítica en que Canle segredo é unha obra que abría camiños. E probablemente tería unha pegada fonda na renovación da poesía galega de posguerra se saíse á luz no seu tempo natural. Foi Álvarez Blázquez consciente desa dimensión no seu momento ou a posteriori?
– XMAC: A verdade é que non sei se foi consciente diso. No traballo que presentarei en Tui falo precisamente tamén desa faceta, en que medida abriría camiños. “De ter saído á luz no seu momento, Canle segredo contribuiría sen dúbida ao reforzamento da voz da subxectividade”. Sen dúbida, non abriría os da poesía social, que abriu Celso Emilio, pero posiblemente si dialogaría, ou abriría talvez un rumbo, o da poesía conversacional, intimista, de afondamento nas claves emocionais da existencia. E a voz do eu, que estaba primeiro disfrazada, ou latente, na poesía das vangardas, no neotrobadorismo e no neopopularismo. Despois esta voz é substituída na poesía social pola voz do nós colectivo, de modo que a voz subxectiva do eu na poesía de posguerra non digo que non apareza, pero aparece pouco, e Canle segredo contribuiría sen dúbida ao reforzamento da voz da subxectividade. Agora, en canto a si el era consciente disto, eu sospeito que non o era moito, porque se o fose teríase dado máis présa en publicar o libro. Para min segue sendo un pouco un misterio ese tempo tan longo [sen saír á luz]. No prólogo á edición que aparece en 1976 el fala dunha especie de inercia do tempo, de esquecemento e, por outra banda, das súas múltiples ocupacións e a súa entrega, a partir de finais dos 50, máis á investigación que á creación. (…)
– RAG: Álvarez Blázquez tamén publicou, en 1950, outra obra singular no seu tempo, Roseira do teu mencer, un libro de poesía infantil. Chama a atención a tenrura, o xeito de asumir a paternidade que amosa, que parece máis próxima ao momento actual que ao dos homes da súa xeración.
– XMAC: Se me permite un xogo de palabras, unha especie de paternidade moi feminina.
– RAG: Si, podería dicirse así.
– XMAC: Meu pai era un home moi tenro, un pai entregado aos fillos e fillas, e viviu con especial emoción o nacemento da súa primeira filla, que desgraciadamente morreu moi nova. “En Roseira do teu mencer amosa unha paternidade moi feminina (…). É outro dos seus mellores libros” Si, resulta sorprendente esa posición emocional, afectiva, e o feito de que apareza un libro de poesía infantil en Galicia nese momento. É ademais un dos mellores libros de poesía infantil de todos os tempos, estou convencido diso, e outro dos seus mellores libros. Despois de Canle segredo, eu quedo con Roseira do teu mencer. (…)”