Palabras tabelas para Manuel Rodríguez Alonso (falecido o 22 de setembro)

DesdeManuel Rodríguez Alonso Criticalia, de Armando Requeixo:
O martes 22 de setembro fóisenos o amigo e colega Manuel Rodríguez Alonso. O seu reloxo deixouno apenas nos 63 e fíxoo en Madrid, onde vivía dende hai ben anos, lonxe da súa Groba natal, nas terras de Ribadavia. A que non fala roubóunolo tras semanas de hospitalización por mor dun mal que non quixo deixalo na nosa compaña e que nos virou orfo o ámago.
Os seus compañeiros da Tabela dos Libros, que o benqueriamos e admirabamos, desexamos ofrendarlle unhas palabras de garimosa lembranza en humilde e improvisada homenaxe.
Manuel: saudiña onde esteas e velaí vai o canto merlo dos teus amigos.

Despedida silenciosa. Inma Otero Varela
A identidade fascinada de Antonio Piñeiro é a obra da que se ocupa Manuel Rodríguez Alonso na derradeira entrada do seu blogue, Bouvard e Pécuchet, hai escasamente dous meses. Lido agora semella unha despedida silenciosa. Para alén do evocativo do título, todo o que alí se di retrata ben a quen o escribe. Discreto, lúcido, minucioso, afable poderían ser algúns dos adxectivos que cadran ben co crítico e a persoa, para min descuberta recente. Poucas ocasións temos as persoas que traballamos nisto da crítica de partillar experiencias colectivas que perduren no tempo, sen máis interese que a ilusión de facer comunidade do (co) que nos gusta. A Tabela dos Libros creou ese espazo onde os compañeiros andabamos en zapatillas sen perder a responsabilidade dos zocos do traballo. Vai ser difícil reestruturar a casa. Tampouco será doado substituír o obreiro. Os seus textos non se limitaban, como tendemos ben veces as que nos dedicamos a estes traballos, ao despece estritamente literario e académico das obras. Sempre ían máis alá para tentar escaravellar no seu tempo, nas semellanzas e diverxencias con outros produtos culturais e ideolóxicos coetáneos sen perder de vista o posicionamento no curso da historia. Interpretar non é só deconstruír mais tampouco é só describir. Ou iso debía pensar Manuel xa que sempre incluía nas súas críticas a valoración ponderada que move á reflexión, ao desexo de entender os porqués de quen escribe e de quen le. Fondura, na súa vida e no seu pensamento, para vencer un dos males que, nas súas palabras, caracteriza hoxe en día parte da nosa identidade fascinada: a “sensación de banalidade ou ata de baldeiro”.

Palabras insuficientes para lembrar un amigo. Francisco Martínez Bouzas
Unha voz amiga acaba de informarme do pasamento de Manuel Rodríguez Alonso, compañeiro nas tarefas da Tabela dos Libros. Entre a incredulidade e o abraio, saen da miña mente e do meu corazón estas palabras: non tiven a fortuna de coñecelo persoalmente, mais, ao longo destes últimos anos, antes xa de colaborarmos os dous nesta xeira de seleccionar e facer públicas as nosas preferencias como lectores e críticos, admirei o labor de Manuel Rodríguez Alonso como rigoroso, acertado e independente comentador e analista dos libros galegos, traballos que lía con pracer na súa bitácora de crítica literaria Bouvard e Pécuchet. Un traballo escrupuloso de lectura e relectura de novidades das nosas letras e de reflexión serena, á marxe de urxencias, de camarillas e amiguismos, dalgunhas obras esenciais das nosas letras.
Os seus xuízos independentes, as súas valoracións argumentadas ficarán para min como un seguro vieiro polo que camiñar. Esta é a homenaxe que as miñas modestas palabras lle tributan ao intelectual, ao profesor, ao crítico e, sobre todo, á persoa honesta e apaixonada coas letras de noso que nestas datas nos acaba de deixar, entre a incredulidade de todos, tamén daqueles que, sen coñecelo, nos consideramos os seus amigos e admiradores.

O pan compartido. Montse Pena Presas
Non nos coñeciamos persoalmente mais eramos compañeiros. Compañeirxs, dxs que comparten o pan. O noso pan era algo especial, pois tamén daba boa mantenza e tiña a forma e a silueta dun libro. A nosa mesa eran estas páxinas, as do blog Criticalia, nas que o profesor e investigador Armando Requeixo nos convidara a sentar. E alí todos os meses, tranquilamente, cinco compañeirxs partillabamos lecturas e opinións case sen falar, cómplices e ocorrentes. Eles e ela quizais non o saiban, mais dende hai tres anos (estabamos agora a piques de cumprilos), miro curiosa –case como unha nena que quere saber máis e máis- e mesmo inqueda as súas escollas. “Coincidirán coas miñas? Descubriranme algo que eu non sei? Que me perdín este mes?” Se o fago, se corro lixeira a ver cales son non só as tres obras máis valoradas, senón tamén as escollas persoais de cada un deles, é sobre todo porque admiro e valoro o seu traballo, porque quero, sempre, seguir aprendendo. En realidade, porque é un luxo que me deixen tomar do seu pan.
Con Manuel (Manolo, noméabano os e as súas amigas) pasábame o mesmo. Lembro a primeira vez que coincidimos na mesa hai xa máis de dez anos: eu era unha moza que viña de rematar a carreira e que comezara a colaborar no Cartafol dos libros de Vieiros, que naquel entón levaba Moisés Barcia. El era xa un profesor consolidado, que por ignorancia descoñecera ata daquela, mais que cada vez que lía unha das súas críticas me sorprendía dobremente. Por unha banda, porque ás veces eran verdadeiras clases de galego, sempre atento aos usos correctos da lingua. Pola outra, polo destemido que era. Coido que nunca lera alguén que se expresara con aquela liberdade, con aquelas ás. A crítica en Galicia foi sempre, e aínda o é, un desexo que esvara entre o que se cre que se quere e o que de verdade se quere. No seu caso, ambos vértices foron sempre coincidentes. Coherencia, disque lle chaman.
Este mes, por primeira vez, fomos catro. Foi unha sorte de rara premonición (ás veces non só nas novelas hai sinais que marcan o que vai ocorrer) e sei que nos inquedou a todos e todas. En realidade, esquecemos que na vida, ao igual que na ficción, o tempo do discurso non adoita coincidir co tempo da historia. A historia, neste caso, hase encargar de superar o discurso. Ás túas compañeiras e compañeiros, quédanos un consolo: alí enriba, Manuel, seica o pan sabe mellor e tamén ten a forma dun libro.

O lector impenitente. Armando Requeixo
Hai veces en que a vida se empeña en demostrarche que a tristura non ten límites, que todo pode ser e non ser coa mesma facilidade coa que os primeiros ventiños de setembro cobran a presa da folla outoniza e velaíña.
Así me lañou a desaparición do compañeiro e amigo Manuel Rodríguez Alonso. E fiquei coa desacougante sensación de que deixamos sen dar cabo á costura de moitas fías, abondos proxectos, soños que compartiamos e que arelabamos poder concretar algún día, aventuras que xa non serán, ou si, pero serán diferentes porque non estará el para vivilas ao meu carón, ao noso carón.
Manuel era un dos lectores máis incansables que coñecín. Un portento de tenacidade e criterio, sempre disposto a deitar a ollada crítica sobre os máis diversos textos, sen refugar xénero ningún, interesado por igual nas novidades e nas recuperacións de obras doutrora.
Consagrou a vida á transmisión dun saber fondo do que se nutriu, con moito ben, o seu alumnado da UNED en Madrid, tamén aqueles que aprenderon as verbas de noso nos dicionarios que elaborou, nos estudos e monografías que asinou, na historia da literatura que nos legou. Pero, sobre todo, Manuel foi un colega de andainas críticas ao que lembraremos pola súa insubornable independencia, pola autenticidade das súas propostas lectoras, animadas decote polo mesmo devezo: ser unha estrela polar para a guía do mariñeiro lector nas súas intrépidas navegacións polo proceloso océano editorial.
A familia e os amigos sabemos, amais, que Manuel era un profesional xeneroso, sempre presto a axudar cando se requiría o seu concurso, desprendido para achegar a súa participación naqueles proxectos nos que era solicitado. Era, tamén, atento e cordial, bo conversador e moi observador, feliz na memoria e lúcido na reflexión.
Alí onde case ninguén se atrevía, Manuel era abandeirado. Nada nin ninguén coartaban o seu xuízo. Vivía entregue a unha única causa: a da lectura honesta, transparente, esencial.
Os que o benqueriamos sentimos agora o peso da canga da orfandade. Non poderemos informarnos puntualmente do que paga a pena ler no seu Bouvard e Pecuchet, tampouco saberemos das súas escollas na Tabela dos Libros desta casa, onde o seu parecer era tan apreciado e admirado polos que camiñamos, de mans dadas, sempre á súa beira.
Manuel: lelles aos de por alá arriba libros dos nosos escritores. E lembra darlles o teu consello, que sexan guiadiños e que te escoiten atentamente, que han de aprender a ver na letra o que só os espíritos sagaces coma o teu saben descubrir.”