A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria 2015, con Dores Tembrás, Pedro Feijoo e Felipe Senén

AF_CARTAZ_PASEOS_35x50_cmPaseos pola Coruña literaria é 1443428176274paseoslitcorunha2015-bannerjpgunha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, na que terán lugar novos paseos pola nosa cidade coas propias escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na Coruña.

17 de outubro
A Coruña, unha cidade ao descuberto, con Dores Tembrás.
Saída: Xardíns dos Cantóns.

A cidade que se abre nunha cartografía infantil, unha urbe que se pon ao descuberto por medio das historias dos avós pero tamén dos referentes literarios coñecidos na adolescencia. Unha pequena deriva pespuntada palabra a palabra:
e as pegas rebuldás
cubriron as rúas
o asfalto nevado de noces
e todos
cos zapatos de Dorothy
en compaña do lobo
choutando nelas.

31 de outubro
A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra, Pedro Feijoo.
Saída: Praza do Humor.

Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Ou si, se se observa cos ollos adecuados… Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta, e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, eu propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo após as pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aian e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de San Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira. Se é que tal cousa existe, claro está. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo a ensinarvos a cidade? ;) Espero que sexa do voso maior agrado!

14 de novembro
De conversa co “Genius loci” dunha cidade vella, con Felipe Senén
Saída: Porta do Xardín de San Carlos.

Adentrarémonos na Prehistoria e na Historia desa croa ou croio de pedra rosa que é a Coruña. Dende o baluarte Vello ou Xardín de S. Carlos, ás 12 do mediodía dese sábado 14 de Novembro, cando aínda celebramos por Galiza adiante aos dous santos homonimos das Panoias, aos San Martiños de Tours e mais ao de Dume, cando aínda arrecenden na memoria as lumeiradas e as castañas asadas dos Magostos. Encetaremos unha pequena xeira arredor das luces e das sombras, na busca da conversa co “genius loci” dese couto ou “locus amoenus”, entre as pantasmas de Xerión, de Moore e de lady Sther Stanhope, de Porlier… polas paisaxes e as paisanaxes inspiradoras de Aguirre, Pondal, Rosalia, o Murguía dos Precursores, Francisca Herrera… sen librarnos da Condesa. Escudos, campas, epígrafes, lendas, mitos e ritos que se perden e que lembraremos baixo o Arco do Arquivo do Reino de Galiza… a carón do templo dos Domine-Cane, das fratellas de San Francisco e a carón dunha imaxe que foi Venus, feita Virxe da Estrela para os nautas do Mar dos Ártabros…Porto de Compostela.
A Coruña é cidade serea, ben o sabía Lugrís, da María das Batallas, de Ines de Ben, de Xoana de Vega, de Concepción Arenal, de Rosalía, Carolina Herrera, María Barbeito, Luisa Villalta que facía música coa palabra. Aqueloutra Coruña que cheiraba a tabaco e chicolate e un raparigo abríase ó mundo entre o amor e a morte, Pabliño Picasso. Marineda atlántica, de castros, altares, torres e muiños a beilar movidos por un vento toleirón… A Cidade amada de Garcés, de ida e volta de Manuel María, de atlántidas… Unha conversa en alto para coñecer, querer e defender realidades fronte a virtualidades, a orixe, a orixinalidade fronte á macdonalización´.