Roteiro literario pola Coruña con Xurxo Souto «A toponimia das pedras percebeiras da Torre de Hércules. Ruta de Ulyses Fingal (ou encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade)»

OCartelObradoiro-ACorunhaEOMar2015 sábado 31 de outubro, con saída ás 11:00 horas, na praia de Santo Amaro, diante do antigo cargadoiro de pedra (a carón da farmacia do polígono de Durmideiras), na Coruña, terá lugar un Roteiro literario pola Coruña con Xurxo Souto, baixo o título A toponimia das pedras percebeiras da Torre de Hércules. Ruta de Ulyses Fingal (ou encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade).
A asistencia é libre e aberta á cidadanía.
Este paseo fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar. Segundo ciclo, financiado pola Deputación Provincial da Coruña, a Consellaría de Cultura e coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse ás 11:00 á praia de Santo Amaro, diante do antigo cargadoiro de pedra (a carón da farmacia do polígono de Durmideiras), e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas, A Coruña é unha fin do mundo -Torre de Hércules, Torre de Breogán-, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal (Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Cuncha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro…Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta -dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.

Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar, que está imparte o escritor Xurxo Souto no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.

Toda a información, aquí.