Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece, de Roberto Salgueiro, é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado composto polo autor, director e actor Cándido Pazó, as actrices Belén Constenla e Mónica García, o Profesor de Arte Dramático Óscar Codesido e o xornalista Alfonso Hermida co actor e dramaturgo Xoán Mexuto como comisario e presidido polo deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, como presidente, sen voto, decidiu premiar a obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece na XVII edición do Rafael Dieste de obras teatrais.
O xurado, reunido na sede da Deputación este mércores 11 de novembro, destaca da obra de Roberto Salgueiro a “potencia da súa escrita, expresada no ambiente, ton e confección de personaxes, polo que constitúe unha aportación singular ao repertorio da literatura dramática galega”. Valora tamén o xurado no seu fallo que a obra é “absolutamente factíbel para a súa representación”.
Roberto Salgueiro é escritor e director teatral. Está á fronte da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Da súa ampla obra destacan títulos como O arce no xardín, Historia de Neera, Eliana en ardentia ou Bernardo destemplado, Matanza, Apnea, Molière final, Historia da chuvia que cae todos os días, Memoria de Helena e María, Valentino Rufini ou Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can). (…)”