Entrevista de Romina Bal a Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas en Praza:
“(…) – Praza (P): Que foi o que vos levou a este proxecto? Buscabades algún obxectivo concreto?
– Antonio Reigosa (AR): Tratábase de encher un oco no eido literario. A proposta é diferente ao relato lendario en si, é un experimento consecuencia de detectar que existía unha carencia na poesía mitolóxica de orixe popular. Si existen exemplos de libros sobre mitos clásicos, mais de orixe pagá, mitoloxía de orixe oral non existe. O relato lendario engade un atractivo de xogo textual entre a prosa e o verso que se completa coa imaxe marabillosa de Xosé Cobas.
– P: Que destacas deste traballo?
– AR: Atendín ao ámbito xeografico, ás catro provincias salvo no apólogo que non ten localización concreta do sargo e a toniñ. Trátase dunha fabula mariña da que de momento non temos outra manifestación igual. No libro tamén se recolle un exemplo de mito e moitas historias máis. (…)
– P: Como foi o proceso de creación?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Despois de varias lecturas reflexivas intentei manter a fidelidade co relato lendario pero achegando certos toques líricos. Eu manteño que a poesía debe entrar en voz alta achegando sonoridade, ritmo… Dividín a lenda en parágrafos, debullándoa, agardando pola imaxe evocadora, e fun co paso dos días anotando nunha libreta o que se me ía ocorrendo. Intentei achegar en verso outra visión do relato, completándoo e xogando tamén coas súas palabras.
– P: Cal é a situación actual da lingua, como docente como a ves?
– AGT: A situación é preocupante, educar é amar e se non educas no agarimo, non se consegue nada. A min interésame especialmente a literatura e a súa didáctica e habería que cambiar o plan de estudo de Maxisterio. Os docentes teñen que ler para saber transmitir, para achegar na aula, hai lecturas que son imprescindibles, coas que deben saber traballar na aula. As bibliotecas dos centros escolares deberan estar en mans de persoal preparado e crear prazas de biblioteca para tal fin. Temos moi difícil o ensino se non len, o profesor ha de ser unha persoa formada. Así mesmo, considero importante achegar as nenas ás bibliotecas, eu, cos meus alumnos, vou todos os luns para coñecer os libros fisicamente e non a través do que se conta. Queda moito por facer. (…)
– P: Como foi o proceso creativo?
– Xosé Cobas: O labor principal é a lectura, o fundamental non é só a execución, tamén é necesaria unha formación como lector, saber ler, da memoria que teñamos almacenada no noso maxín. No meu caso son as memorias da infancia, a Historia da Arte (para este libro tivo moi presente A Venus de Botticelli que fai de inspiración para a crina do cabalo da portada) as lecturas literarias, de ensaio, de filosofía… o sentido da percepción que axuda a ler, a aprender, a ver. Temos que aprender a ver a través do ler e da natureza, no espazo da poesía urbana… a suma destes procesos enriquece a capacidade do creador. Unha lectura rápida para saber, unha relectura analítica e logo a partir de aí, a lectura connotativa que me ofrece, e despois outra lectura sectorial, por partes, que brinda unha imaxe para ao final pensar nunha harmonía. O que di o texto xa o di o texto, as redundancias procuro evitalas sen traizoar o texto. (…)”