Uxía e Magín Blanco: “Manuel María é un referente e quixemos actualizalo, facelo atractivo aos centros de ensino”

EntrevistaUxía e Magín Blanco Canta o cuco a Uxía e Magín Blanco en Praza:
“(…) O libro-CD Canta o cuco, froito dunha conxunción de estrelas como as que son Uxía e Magín Blanco, foi realizado na Casa-Museo Manuel María e publicado por Galaxia na colección Sonárbore con arranxos musicais de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández. O traballo, ilustrado por Leandro Lamas, componse de 14 temas e unha sorpresa: son temas de poemas musicados como O carro, A vaca, A cidade, O cuco… extraídos do libro Os soños na Gaiola, que acaba de editar a Fundación Manuel María e que foi pioneiro da literatura infantil e xuvenil galega. Tamén conta con outros versos recompilados d’As rúas do vento ceibe, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, Todo me fala de ti, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade.
– Praza (P): Como foi o proceso de creación? Coñeciades a obra de Manuel María?
– Uxía (U): Este verán estivemos na Illa de Arousa gozando da natureza e alí estivemos dándolle forma a este traballo, lendo os seus poemarios. Eu xa profundara na súa obra e, de feito, xa cantei a Manuel María en Andando a Terra, o cal me serviu para afondar na súa obra, que xa coñecía. Gozamos moito del, inspirados. Santi Cribeiro foi o director e intentamos facer un traballo honesto.
– Magín Blanco (MB): A precisión na métrica e na rima, é dicir, a musicalidade que atesouran os versos de Manuel María, as letras dos versos, son fáciles de musicar, de que a música os acompañe. Foi unha experiencia moi bonita e foi doado introducir os estilos musicais que posúe este traballo discográfico. Son os que se corresponden con el e co seu universo.
– Leandro Lamas (LL): Coñecía previamente a obra do autor e esperei a que me chegara para intentar plasmar o universo da súa obra. Empreguei óleo sobre unha táboa pequena enteada, en tamaño real e nun proceso delicado, menos groso que cando pinto nun formato de maior tamaño. Tratei de reflectir coa imaxe as características fundamentais presentes neste traballo. (…)
– P: Volvendo ao disco, ao traballo sobre Manuel María, como vedes os tres a situación da lingua e a importancia de que este ano próximo se lle dedique as letras galegas?
– U: Unha das funcións da música, de xente como Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, Manuela e Miguel, etc foi a da normalización e dignificación a través das letras dos nosos autores máis representativos Pondal, Curros, Cabanillas, Rosalía… Esta función debe continuar e debe actualizarse ese discurso para os máis pequenos. O discurso de Manuel María, escritor ao que se lle dedican as letras este ano, é o de loitar pola lingua, para que non se perda no futuro.
– MB: A reivindicación da tradición, da revisión do discurso musical e literario é un fenómeno que se está a levar a cabo na actualidade en América do Sur e no mundo anglosaxón. Debemos facer atractiva a lingua e a literatura, cómpren iniciativas que garantan o futuro da lingua. Nós queremos contribuír positivamente a través de símbolos presentes na súa obra como o son o cuco, o carro, a dorna e a súa elegancia…
– LL: A lingua está en clara decadencia, é gravísimo. É necesario moito agarimo á hora de visibilizala. Xa estaba nunha situación difícil e existe un desleixo no urbano e unha non renovación no rural. Son necesarias máis ferramentas para garantir o seu futuro. (…)”