Fondo pesar na cultura polo home “que vía o mundo desde a pedra de afiar”

DesdeXosé Fernández Ferreiro Sermos Galiza:
“A cultura galega volve mobilizarse para despedir a un dos seus: Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista e membro do grupo Brais Pinto. A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, en Agrela (A Coruña), onde a sexta feira 18 de decembro, ás 15:15 horas, se lle renderá unha homenaxe.
O escritor Francisco X. Fernández Naval, a persoa que máis estivo con el nos últimos tempos, dedícalle un sentido post no seu blog: “Hai unhas semanas, xa enfermo, dicíame que non fora quen de escribir un corpus unitario sobre o territorio que amaba: Espartedo, as serras altas de Luintra, a patria da infancia, lugares onde suceden as súas historias. Respondille que, se cadra, a súa obra non naceu con (…)”
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destaca o Ferreiro “amigo e persoa entrañable, como compañeiro e como irmán maior, xeracionalmente falando”. Da súa actividade como escritor, subliña que “abriu camiños literarios, tentando tamén unha normalidade na literatura galega, facendo unha literatura máis popular que xa se estaba a facer noutras partes”.
“Quixo facer unha inmersión na normalidade literaria coa súa obra”, explica o poeta. “El dicíame que o feito de ser xornalista podía non ser precisamente un aliado, e que iso influía nos temas que trataba”.
“Para min é un referente afectivo e profesional, para min foi un gran trompazo”, di Álvarez Pousa, que compartiu profesión con el en La Voz de Galicia. “Fíxenlle unha entrevista hai pouco e amosábase preocupado porque o pouco que tiña non sabía a quen llo ía deixar, pois quería facelo a alguén que o precisase”.
Del Pousa destaca que “sempre estaba alegre, aínda que era moi socarrón, tiña un sentido do humor moi de Ourense, cunha visión do mundo desde a roda de afiar, vía o mundo a través dela e esa era seguramente a principal metáfora que explicaba a súa maneira de ver o mundo”. Tamén foi un home “moi desafiante, no sentido da necesidade de sentirse libre e dono de si”.”