Entrevista de Montse Dopico a Silvia Penas en Praza:
“Mulleres que decidiron ser ladras. Coller o que lles foi negado. Que delinquen non levadas por impulsos ou emocións, senón porque resolveron facelo. Que se vingan, porque a vinganza simbólica, e elegante, pode axudar á reparación tras ter sufrido agresións. Que atacan porque sempre están a defenderse. Que non se resignan a agardar a que pase a violencia. Así son as protagonistas de Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, o libro co que Silvia Penas gañou o premio Avelina Valladares de poesía do 2015. A autora levara xa o Lueiro Rey no 2013 con As uñas crecen e o Victoriano Taibo, compartido con Elvira Riveiro, con Biografía da multitude. A súa poesía, -que tamén fai, mais recitada, cantada ou berrada, co grupo Cinta Adhesiva-, é ferida e forza. Potencia e dor. Procura da beleza onde non se a espera. Ou, como ela mesma dixo, confianza en que, en lugar de que volva arder, alume.
– Praza (P): Diario de ladras, asasinas e flores ten estrutura de diario, como xa o di o título. Por que optaches por esa estrutura e pola idea do diario?
– Silvia Penas (SP): A estrutura segue o pasar dos días coma nun xornal ou un diario íntimo, efectivamente. No momento de estar escribindo algúns dos textos coñecín, grazas á miña amiga Iria Presa, o Diario de los asesinos (órgano oficial de acuchilladores y ladrones), que é unha edición facsímile dun xornal publicado en Lyon en 1884, onde se recollen crónicas, obras de teatro, consellos para delinquir, maneiras de perpetrar un roubo…, todo ten que ver co ámbito da delincuencia. Non se sabe moito da orixe, suponse que detrás está a pluma de diferentes escritores. Fascinoume este xornal provocador e como tiña un título tan masculino e un contido tan asumidamente masculino, quixen, á miña maneira, é dicir, coa poesía, crear un espazo simbólico onde as mulleres puidésemos delinquir ás nosas anchas. Ademais cadrou que os textos que xa comezara a escribir tiñan moito que ver coa violencia. (…)
– P: Hai, en todo o que fas, tamén, un sentido como de buscar a beleza a través do que pode parecer contrario a ela. O sórdido, por exemplo. No fondo é un pouco romántico… Mais ten que ver con toda a historia (na arte, na música) da procura da beleza na fealdade, no que dá medo… En que sentido?
– SP: Si, efectivamente está moi visto iso de buscar a beleza nas cousas desagradables. A intención tampouco é descubrir a pólvora agora, porén o obxectivo avanza sobre o cuestionamento da propia idea de beleza. É isto tan desagradable?. Ou hai certo gozo?. O que é belo, porque o é?”