Antón Riveiro Coello: “A literatura non trata de pechar os feitos, senón de poñer en cuestión o establecido”

EntrevistaAntón Riveiro Coello de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A cultura serve de nexo entre Janis e Constantino, entre Janis e o pai, entre Janis e a moza do pai… E o libro [Os elefantes de Sokurov] está cheo de homenaxes: cinema, literatura, música…
– Antón Riveiro Coello (ARC): A cultura é fundamental no libro, si, é o punto de conexión entre os personaxes principais. Son todos, dalgunha maneira, creadores, artistas. Hai tamén unha conexión entre a cultura de masas e a alta cultura. Dunha banda, a cultura como lugar de trascendencia, como algo que axuda a comprender a complexidade da vida. Doutra banda, a cultura de masas, máis pasiva e submisa, fronte á cultura máis crítica e activa. O mestre de Sokúrov, Tarkovski, dicía que a arte incide sobre todo na alma da persoa e conforma a súa estrutura espiritual. Os personaxes afrontan a arte coa ollada da vida e a vida coa ollada da arte. Tamén coa estética das sombras, a néboa, a dúbida e a indefinición sobre a existencia que se ve en Sokúrov.(…)
– P: Ademais de con Constantino, o seu compañeiro, maior ca ela, Janis ten unha relación especial coas señoras ás que coida por unha banda, e con Nela, amiga da infancia que perdera, pola outra. No medio destas relacións atopa como o seu equilibrio, que é un equilibrio de afectos.
– ARC: Janis sente, por un lado, certa frustración, porque non pode traballar no que quere. Prepara oposicións e escribe crítica de cine, pero non vive diso, senón de coidar as vellas. Pero tamén ten un carácter práctico e interésase de verdade pola vida das señoras e polos seus conflitos, que derivan da vulnerabilidade e dos problemas que temos na vellez: a dependencia, a perda de seres queridos… A amizade de Nela é unha desas cousas da infancia que sempre quedan. E Janis ten tamén unha parte de solidariedade con ela. Interesábame salientar iso porque o tópico sobre a xente nova é que son hedonistas, que teñen complexo de Peter Pan…. e eu creo que non, que é unha xeración máis solidaria do que puido ser a miña. (…)
– P: Volves, tamén, a través da historia do pai de Constantino, a un tema que xa trataches varias veces: a guerra civil e as feridas que deixou, herdadas polas xeracións seguintes.
– ARC: Esta é unha novela ambientada no 2012, pero é inevitable falar da guerra civil se falas de xente da miña idade e dos seus pais. A literatura non trata, ademais, de pechar os feitos, senón de poñer en cuestión o establecido. Constantino busca redimir a seu pai, e con el a si mesmo. E iso que co pai, que os maltratara a el e á súa nai, case non ten ningún vínculo emocional. Non hai perdón se non hai arrepentimento. E Constantino séntese responsable de transmitir o arrepentimento do pai, que este expresara coa infelicidade e a violencia. O pai fixera algo terrible que o perseguiu toda a vida. E, como lle pasou a moita xente da banda dos vencedores, non foi quen de pedir perdón e pagou as consecuencias. A novela reflicte tamén a realidade dos silencios: as cousas da guerra que as familias ocultaron, que non lles contaron aos fillos. Mais saber a verdade axuda a medrar.”