Dores Tembrás: “Se algo podo dar, son as miñas palabras”

EntrevistaDores Tembrás de Ana Abelenda a Dores Tembrás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Dores Tembrás escribe sobre o que non di.
– Dores Tembrás (DT): Quizais sobre o que non se di. É a tensión coa linguaxe a que mantén ao poeta en vilo. Traballar nese gume, na senda do que non se pode dicir, é un desafío. Magnético.
– LVG: Dicir o que non se pode dicir é mesmo unha contradición.
– DT: O silencio é pura potencia en poesía. Pero o silencio non como ausencia de palabra, senón como presenza de silencio. Eu quero producir o silencio na escrita.
– LVG: Semella difícil…
– DT: Foi algo que aprendín cando fixen a tese [sobre Alejandra Pizarnik]. Pizarnik é unha das autoras que producen con éxito o silencio. Hai distintas maneiras de facelo. Unha pode ser cando remata a lectura dun texto. Cando traballo cos meus alumnos, digo «¿que perseguimos? Producir o sen alento. Iso». Despois conséguese ou non no poema, pero dende logo téñoo como luz.
– LVG: Sabe se o consegue?
– DT: O autor sempre sabe o que consegue no texto. Non sempre de modo inmediato. Ás veces tes que deixalo repousar e volver a el para saber se esa faísca que intuíches se conserva, para ver se o sen alento se produce.
– LVG: Todos os poetas son nenos, di.
– DT: Si! Porque son capaces de poñer a linguaxe do revés con total naturalidade. Non o perseguen, é algo natural… ata que se perde. Nalgún momento o fío se corta. Nótoo porque traballo con nenos de distintas idades. Non é mesmo unha nena de 11 que un rapaz de 14. Hai un momento no que esa vía de experimentación coa linguaxe se penaliza. Ou, máis que iso, deixa de alentarse.
– LVG: Descoida o sistema educativo potenciar o talento ou as calidades artísticas?
– DT: A arte é algo que non se asocia ao prestixio. O que se cotiza é a ciencia pura. Está en alza un enxeñeiro, alguén que fai informática, Camiños… Pero non hai interese en que se asocie a arte co prestixio.
– LVG: Por que?
– DT: Pode supoñer unha transformación a nivel profundo. Nun traballo artístico estás continuamente cuestionando. Como artista buscas o cambio, se non estás morto. Hai un proceso de desacomodación permanente. Pero é o que move o mundo. O que nos ten en procura permanente. Está na condición do artista ser inconforme permanentemente.
– LVG: Cal é o papel do artista na sociedade?
– DT: Ten tantos papeis…! Os artistas son os que van dez, vinte anos por diante. Eles amosan que non todo transcorre pola autoestrada asfaltada.
– LVG: É crear camiñar polo lado salvaxe?
– DT: … E ver a onde te leva. Podes non chegar a ningures. Podes chegar a un deserto. Podes chegar a un oasis.
– LVG: ¿Son as palabras importantes en si mesmas ou están ao servizo da mensaxe?
– DT: As palabras son sagradas. Di Octavio Paz: «Somos as nosas palabras». Cando lle pides a alguén que escolla unha palabra, é definitivo.
– LVG: Como descubrimos a verdade das nosas palabras, que ás veces menten?
– DT: Procurando. Eu persigo e persigo. Sen imposturas. Se algo podo dar son as miñas palabras. Un tarda tempo en atopalas. O resultado dese proceso de procura é a obra.”