Pedro Feijoo: “Neste país parece que ten que ser toda a literatura ultrasesuda, transcendental e superseria”

EntrevistaPedro Feijoo de Montse Dopico a Pedro Feijoo en Praza:
““Eu non pretendía facer unha grandísima novela, senón unha novela de risa”. Así explica Pedro Feijoo o que é Morena, perigosa e románica (Xerais), o seu último libro, unha comedia de enredo sen máis pretensión que a de entreter. Non é, precisamente, a súa mellor obra, e el sábeo. Mais tamén reivindica que non toda a literatura ten que ser superseria.
– Praza (P): A idea non partiría do roubo do Códice…?
– Pedro Feijoo (PF): Non. A idea primaria veu nunha época na que eu estaba lendo moitos libros e vendo moito cine de roubos, de plans maxistrais para roubar. A miña primeira idea era que os protagonistas pegasen o pao en Caixanova, pero alguén lembroume que, claro, alí xa non había nada que roubar porque xa o levaran todo. Esa novela xa a escribira moi ben xente coma Rodrigo Rato. Seguín, así, dándolle voltas ao que poderían roubar unha panda de desgraciados co plan máis absurdo posible…
– P: Unha das posibilidades que estudan é roubar o Botafumeiro da catedral de Santiago. Por que a desbotaches?
– PF: A todas as posibilidades das que falan nesa parte deilles voltas, si. Dante dilles cousas absurdas como que poden roubar o Cristo da Vitoria, secuestrar a Messi… O do Botafumeiro gustábame pero, claro, despois do Códice xa me estragaron a historia. Por iso foi de delirio en delirio ata a Moreneta. Como a miña compañeira, Marta, é de Cataluña… acabei dando nela. (…)”