Eu quero ser un estafador, por Francisco Castro

ArtigoFrancisco Castro 2016 de Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“Non sei que é máis grave: se que o goberno lexisle con vileza para impedir que os escritores poidamos seguir cobrando os nosos dereitos de autoría unha vez alcanzada a xubilación no caso de que cobremos unha pensión, ou que en xeral á cidadanía este asunto, no fondo, lle importe un pemento.
En realidade, ambas as cousas están relacionadas.
Estes días fálase moito da Barbaridade: se es escritor e levas toda a vida traballando noutra cousa e te xubilas, nese intre, como te pille a Seguridade Social cobrando os dereitos de autoría pasas a ser un «estafador», un «defraudador». Un ladrón. Un mal tipo. O Estado considera que non podes seguir creando e publicando e dando conferencias ou recibindo premios. Facendo cultura, vamos. Se tal fas, tes que renunciar á pensión. E como non o fagas e te pillen, canalla, a multa pode implicar ata a devolución ao Estado de catro anos de pensión.
A cousa máis absurda non pode ser. E no resto de Europa tal cousa non se fai. No resto de Europa (para o caso, no Mundo Civilizado), un pode cobrar o 100 % da súa xubilación e os dereitos. E para superar o absurdo resulta que aquí, ademais, cando ti, escritor, espiches, morras, estires a pata, ese día os teus herdeiros si que poderán cobrar o 100?% da xubilación e tamén todos os teus dereitos. Eses que non te deixaron cobrar en vida.
Dixen ao primeiro que estaban relacionados a reforma lexislativa e o desinterese en xeral da sociedade por esta cuestión. O goberno ataca aos creadores (á cultura en xeral: subida ata o 21?% do IVE, etcétera) porque, entre outras cousas, os creadores, os intelectuais, a cultura, non gozan do prestixio que unha sociedade democrática avanzada debería concederlles. Así que, no fondo, non pasa nada.”