Entrevista a Dolores Macías Pose en La Voz de Galicia (foto de J. M. Casal):
“A AELG acaba de galardoar a Dolores Macías Pose, veciña de Cabana, pola súa dedicación á cultura popular.
Ao igual que o músico que mentres conversa vai arrancando notas do seu instrumento ou o escritor que nunca esquece ter a man papel e bolígrafo para anotar as ideas que nacen no seu maxín, Dolores Macías Pose sempre ten no bico un cantar co que dar renda solta á súa gran paixón: «Cando vou para o muíño / asubíos me van dando / hache de ser Farruquiño / que anda no monte co ghando / Farruco vaite ao muíño / que che ha de ter acabado / coa ala do sombreiro / varreraslle o tremiñado», recita ao pouco de comezar a falar esta veciña de Cabana convertida aos seus 85 anos en memoria viva dunha tradición ameazada polo paso do tempo: a das coplas e as historias en verso coas que décadas atrás se animaban as xornadas de feira e de traballo compartido ou as noites de inverno ao carón dunha lareira.
A súa nai, María; as fiadas en Esmorís, Cesullas, ou Bamiro, en Vimianzo, e as feiras son -tal como contou xa no seu día Ángel Eiroa, neto doutra veterana copleira cabanesa, Aurora Ramos Pereiro, de 102 años- algunhas das fontes das que bebeu Dolores, incapaz de lembrar cando ou cal foi a primeira copla que aprendeu, pero que non deixou de acumular desde entón na súa cabeza todo ese saber popular. «Agora xa son unha viegha. A voz xa me falla bastante, pero de momento sigo cantando porque é algo que me gusta moito», explica antes de arrincarse outra vez en verso: «Sei cantar e sei bailar / sei toca-la pandeireta / o que se case comigho / leva a música completa», recita recuperando un ofrecemento que nunca se chegou a materializar. (…)
Dolores recoñece sentir mágoa pola perda dunha tradición á que permanece allea a mocidade. «Á xente nova xa non lle gustan as coplas, prefire cousas modernas. Antes bailabamos unha xota, unha muiñeira, un valse, bailes moi bonitos, pero agora vas a unha festa e non hai diso». Pero tamén en evitar que esa perda chegue a producirse ten xogado esta cabanesa un papel fundamental: colaborando con grupos como Xacarandaina ou na elaboración do Cancioneiro de Cabana de Pablo Díaz e Olga Kirk, e participando en varias das polafías coas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) está a gravar por toda Galicia estas manifestacións da cultura tradicional.
Todo este labor acaba de ter agora recompensa cun dos dous premios Mestras e Mestres de Memoria, cos que a AELG recoñece «toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional». Dolores recoñece que a súa idade non lle gusta viaxar, pero a pesares do que di a copla coa que despide a conversa («Eu aquí non canto máis / que se me acabou a ghrasia / e a pouquiña que me queda / lévoa pra a miña casa»), seguro que estará ese día en Lugo cun cantar nos seus beizos.”