Manuel María: o dereito á dignidade e á enteireza

ReportaxeManuel María de Montse Dopico en Praza:
“A poesía de Manuel María, -dixo Uxía-, leva música dentro. Como Rosa namorada, poema dedicado a Saleta Goi. “A terra faise en ti,/ Saleta, sutileza,/ chama apaixonada/ e transparente,/ levidade de neve,/ torrente e forza/ de seiva poderosa”. Ou como O Melro, que Xabier Díaz cantou con Uxía, no que foi outro dos momentos máis álxidos do concerto, xunto con Heiche dar un bico e, despois, a moi actual Bando. “Dende agora as pombas teñen/ que pedir licencia para voar”. “Prohíbeselle á lúa/ andar ceiba de noite polo ceo”. Na mesma senda reivindicativa, veu despois a tamén moi coñecida O idioma. “O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble,/ o pesar máis profundo”. (…)
A musicalidade dos versos de Manuel María é tamén destacada polo compositor e escritor Paulino Pereiro no libro A propósito de Manuel, editado pola produtora Nós, que acompaña o documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, dirixido por Margarita Ledo e tamén publicado por Nós. “Chao xurdiu coa ocasión da lectura do poema de Manuel. As palabras, o contido do poema, o ritmo e as sonoridades vocálicas e consonánticas, todo iso suxería música, sons que houbo que domear organizándoos para a expresión das ideas filosóficas do falante”, explica Pereiro, que traballou con Chao, de Manuel María, na súa colección de pezas pianísticas O tempo nas voces. Op. 82, na que evoca musicalmente as sensacións que suscitan os versos de poetas de distintos lugares e tempos.
“Cando eu xa estexa canso de verdade/ e as cousas e o mundo non alcendan/ en min nengun fervor, quero/ deitarme, Outeiro, no teu chao,/ contemplar o brillo das estrelas,/o paso das nubes tráxicas e grises/ mentras, con todo o meu ser, vou,/ moi de vagar, dun xeito lúcido,/ facéndome, pra sempre, terra túa/e ensumíndome, calado, no teu seo”, di Chao. E con Chao, -explicou Margarita Ledo na presentación en Numax do libro+DVD de Nós-, coa voz de Miguel Anxo Fernán-Vello, empeza Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Un filme de 2005 agora reeditado co engadido do libro, que presenta as distintas faces da vida de Manuel María a través da súa propia voz. (…)
Neste mesmo libro, Darío Xohán Cabana sinala algo que tamén comentou Ledo en Numax: “Manuel María encabeza historicamente a que nós chamaremos Xeración dos Cincuenta, a Grande Xeración, a gloriosa constelación que puxo o seu xenio e a súa enerxía militante ó servizo da resurrección das letras galegas feridas de morte pola ditadura fascista, e que acabou de conformar a estrutura esencial do edificio da Literatura Galega moderna tal como hoxe a percibimos”. (…)”