Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Hai xa uns días que Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (Galaxia) anda polas librarías. A nova obra (coral, como ten dito ela) de Mercedes Queixas Zas fai un convite dende os andeis. Durante uns dous meses, logo da invitación da editorial, o libro estivo buscando forma na cabeza da autora. Despois chegou a escrita mesma. De cara ao 17 de maio, a idea é que «a xente xa vaia facendo os deberes», ri. Este ano, as Letras Galegas son para el, para Manuel María (1929-2004), o home e escritor de Outeiro de Rei.
– La Voz de Galicia (LVG): Todo un reto, parece, este traballo sobre Manuel María, no ano no que se lle dedican as Letras.
– Mercedes Queixas (MQ): Unha ilusión e unha satisfacción. A Manuel María adóroo como poeta e admíroo como persoa. Vida e obra camiñan xuntas. O reto era grande, porque foi un autor prolífico, completo. A súa vida foi vivida intensamente. Con Manuel María resultaba posible un volume enciclopédico, pero un libro de divulgación, con páxinas limitadas, non me foi doado. (…)
– LVG: ¿Cre que somos conscientes do papel que xogou Manuel María?
– MQ: Creo que lle acontece como aos grandes autores, aos que logo chamamos clásicos. Medran e empezamos a velos dunha maneira totalizadora unha vez que non están e hai ese distanciamento físico e temporal. As grandes obras son aquelas que se sosteñen no tempo, que volves a elas e seguen tendo peso e incluso gañan presenza, comunicación. Á obra de Manuel pásalle iso e sabiamos que lle ía pasar iso: é moi completa, moi de raíz, que nace dende o máis local, o máis próximo, e que se vai ensanchando a todos os círculos da vida. É universal, unha obra dun tempo, dun país, pero tamén unha obra que vai máis alá dun tempo do propio país. (…)
– LVG: O primeiro exemplar, para Saleta.
– MQ: Foi para ela, si, tiña que selo. Axudoume moito na construción da obra. Cónstame que lle fai ilusión, como todo o que se lle dedica a Manuel. É xenerosa, coma el, sempre a disposición dos que queremos estudalo, difundilo e popularizalo máis.”