Marilar Aleixandre, escritora: “Ao Vákner pídolle que nos defenda”

Entrevista de P. Blanco e F. Rodríguez a Marilar Aleixandre en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Tamén levou ao Vákner á súa obra A Vaca de Fisterra e a trabe de Alcatrán. Que ve nesta figura?
– Marilar Aleixandre (MA): Folclore e lendas son interesantes. O bispo Mártiros peregrinaba e el tiña que contar algo para dicir que era moi valente, un milhomes, e así relata que se atopou en Dumbría cunha especie de lobishome xigante. Loiadas [ri], iso non é cousa de agora das redes. Teño feito o Camiño, chegando a Fisterra, percorrín a pé moita da Costa da Morte, teño formación de zoóloga, e nunca vin lobishomes. Aínda así teño bastante simpatía por eles. Son moi seguidora de Antonio Reigosa, Xoán Ramiro Cuba e Xosé Miranda: no seu Dicionario dos seres míticos galegos aluden a el, e a que Mártiros o que atopou aquí eran comedores de peixe. Faime graza. No meu poema Comedores de cabezas toco iso, que algo que identifica ás xentes de Galicia é comer as cabezas dos peixes. Iso vino eu na casa do meu compañeiro, en Toba, Cee. Cheguei a Galicia con 25 anos e foime máis difícil aprender a comer cabezas de peixe que aprender o galego!
– LVG: En As malas mulleres ou en As bocas cosidas vostede conta a historia dos que non tiveron voz. E a versión do Vákner?
– MA: Pois igual hai que intentar falar con el, un destes días toca lúa chea. O lobishome non o é por vontade propia. Iso está na mitoloxía popular de moitos países e en novelas tan famosas como as de Harry Potter. Eu traducín o primeiro libro, que por certo por fin se vai reeditar agora. Hai aí un personaxe encantador, Remus Lupin, un dos bos, e é lobishome. Que lle pediría eu ao Vákner? Que nos defenda á xente da Costa da Morte. (…)”

Vimianzo M.O.L.A. 2026

Vimianzo M.O.L.A. 2026

Xosé Luís Mosquera Camba: “É admirable a enerxía do Batallón”

Entrevista de P. Blanco a Xosé Luís Mosquera Camba en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como lle chegou o certame?
– Xosé Luís Mosquera Camba (XLMC): Dun xeito moi natural, vin a convocatoria e andaba argallando cun texto entre as mans. A maioría da xente que escribimos poesía en galego penso que xogamos á ruleta dos certames, porque non hai moitas opcións para ver publicado un texto. Pareceume oportuno envialo e a partir de aí quedou xa nas mans doutros e doutras. Encantadísimo co premio, claro, mais hai un gran compoñente de sorte e azar nestas cousas. A chamada para comunicarmo dende Cee foi toda unha sorpresa, colleume nun centro de saúde e penso que a miña primeira reacción foi a de pensar que se trataba dun erro, pois con Cee non teño vínculo en directo. De calquera xeito, unha alegría. Sempre son estas novas as que un quere esperar.
– LVG: Que lle parece este certame no 30.º aniversario do Batallón?
– XLMC: É admirable, sorprendente e fascinante que teñan aínda ese folgo, esa enerxía, ese ánimo e esa ilusión por seguir facendo cousas como colectivo. Considero un luxo para calquera comarca ter escrito ese capítulo da historia da literatura galega, neste caso a da Costa da Morte. Gran parte dos integrantes daquela aventura son hoxe nomes inseparables da historia contemporánea da literatura en galego. Que sigan dicindo aquí estamos, e que sigan facendo cousas que continúan a facer medrar as nosas letras, pois é de sacarse a gorra, como se di. (…)”

Carballo: actividades dos 9, 10 e 11 de xullo na Praza dos Libros 2026

Praza dos Libros 2026, en Carballo

Carballo: Praza dos Libros 2025

O Couto, Ponteceso: 43 edición de Festiletras

Carballo: Praza dos Libros PLIC 2023