Marilar Aleixandre: “A ciencia tamén é cultura galega”

Entrevista Marilar Aleixandrede R. Castro a Marilar Aleixandre en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Volvendo á Academia, parece que está a intentar compensar o déficit histórico coas mulleres. Agora son cinco de trinta, e en breve seredes seis…
– Marilar Aleixandre (MA): É un avance, mais as feministas o que pedimos é a metade de todo. O lóxico é que sexamos a metade das listas electorais, a metade dos postos elixibles, a metade dos representantes públicos, a metade das académicas… E nese momento estaremos chegando á igualdade. Eu son profesora na USC e as mulleres como docentes son a metade, pero son moitas máis nos postos máis precarios, no profesorado interino, que son mileuristas. Porén, catedráticas somos o 20%. Isto mostra que a promoción non se fai por igual. Porque cando unha muller é escollida para un posto, parece que se espalla a idea de que é porque hai unha cota. E cando é un varón dáse por suposto de que é polos seus méritos. E eu nego isto. As mulleres que chegaron a algún sitio normalmente tiveron que esforzarse máis que os homes en chegar aí.
– SG: Que supón para ti substituír a Neira Vilas na Academia?
– MA: É algo que ten un factor emocional grande, porque eu tíñalle moito cariño e el a min. Era un home entrañable, compartiamos moitas cousas. Ambos valorabamos a literatura infantil e xuvenil, non é unha literatura menor. E valoro tamén o seu compromiso social e político, sempre estivo a carón da xente que sufría inxustizas e eu síntome moi identificada con el. (…)
– SG: Cales son os teus obxectivos na Academia? En que ámbitos che gustaría deixar pegada?
– MA: Aínda é un pouco cedo para falar disto, porque en todas as entidades colectivas hai que ir con actitude de cooperación. Eu sei o que me gustaría pero teño que ver o que se agarda de min. Eu hai un ámbito que eu creo que podo achegar, que é o do feminismo, e xa hai persoas feministas na Academia, e iso é algo que debe ser reforzado neste momento. Hai feminismo moi interesante que se está a facer aquí, tanto a nivel de ensaio como no activismo, e eu espero achegar algo nese sentido. E tamén supoño que no ámbito nas ciencias, porque é unha situación que debería estar totalmente normalizada e non o está. E aí hai dúas cousas: a ciencia tamén é cultura galega. Non só é cultura galega a literatura e a música. Hai que incorporar toda a actividade científica que se está facendo tanto sobre Galiza e sobre outras cuestións máis universais. Temos que facer un esforzo para que se considere parte da cultura galega e, por outra parte, e que as científicas recoñezan que se pode dar ciencia en galego. E, por outra banda, que se rectifique ese decreto. (…)
– SG: Para rematar, cóntanos dos teus próximos proxectos literarios. Todo o que publicaches ultimamente foi para público infantil e xuvenil…
– MA: Neste intre estou cun libro de poesía que lle prometín ás miñas amigas de Apiario, que é un proxecto editorial marabilloso. Pretendo que estea rematado en maio, pero non sei porque hai moitas identidades están aí competindo. E tamén comecei un libro de relatos, pero que vai algo máis atrasado.”