Francisco Castro: “Ás mulleres propóñenselles ideas do amor inalcanzables”

EntrevistaFrancisco Castro 2016 de Xesús Fraga a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Emma Bovary tiña unha idea do amor polo que lía nas novelas románticas: polo que se ve na súa protagonista [Amor é unha palabra coma outra calquera], as cousas en dous séculos non cambiaron.
– Francisco Castro (FC): Sen dúbida. Non cambiou en absoluto. Máis ou menos a idea «do que debe de ser o amor» segue a construírse cos mesmos materiais, en especial nas ideas que se lle transmiten ás mulleres e a necesidade de que se «completen» cun home que as queira e as faga sentir especiais e queridas e non sei que. Se colles calquera revista das que len as adolescentes, están inzadas de reportaxes na liña de «como volver tolo ao teu rapaz» ou «aprende a darlle pracer». A idea segue a ser a mesma: tes que aprender a facelo feliz e só así serás ti feliz. O amor entendido coma unha falsa actividade. En realidade, é pasividade. (…)
– LVG: Emma Bovary e Carla son mulleres. ¿Como afecta particularmente ás mulleres a convención social do amor?
– FC: Dalgunha maneira era o que antes dicía. Os mecanismos da sociedade patriarcal traballan duro para someter ás mulleres, e dende o amor e a súa idealización se ten feito un traballo moi claro neste sentido. A elas edúcaselles, malia a aparencia última de liberdade sexual contemporánea, na represión. O amor é o sexo, que son a mesma cousa (aínda que o sexo sexa algo casual e dunha única vez incluso con alguén descoñecido, é, como se mantén na novela, unha forma de amor) pero no caso das mulleres aprendémoslles a desvincular unha cousa da outra. O platonismo ten feito estragos na cultura occidental. No caso das mulleres, ademais, o traballo foi letal. Propóñenselles ideas do amor inalcanzables, que esixen moito delas. Aínda que tamén se lles pide do corpo, da capacidade profesional, que sexan nais perfectas, fillas perfectas?”