Entrevista a Felipe Senén na Real Academia Galega:
“- Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Felipe Senén (FS): A súa coherencia insubornable con canto supón Galicia. O seu humanismo galego como achega á universalidade.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– FS: Enxertar paisaxe e paisanaxe galega ante o acontecer, coidando clasicismo e tradicións literarias e innovando sobre elas. A súa Ítaca de ida e volta, a súa vara de medir o mundo é a Casa, Outeiro de Rei, a Terra Chá e Galicia.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– FS: Imborrable mentres Galicia exista: obra cantada, solicitado como poucos poetas, precisamente por ser integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega.
– RAG: Que vixencia conserva a súa creación?
– FS: É vixente agora e sempre: se buscas a orixe, a orixinalidade, a identidade… Se buscas a Galicia, nel has de atopala… Entendo que é un clásico.
– RAG: Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
– FS: Dende 1968 até o seu fin, mesmo como compadre, coincidente nunha fronte de sensibilización para enxergar canto supón a historia e a cultura de Galicia. Un carismático referente inesquecible, que sabía usar a retranca, a bonhomía, viaxeiro para tripar as pegadas dos pasos, buscar o locus amoenus dos seus admirados, Rosalía, Francis Jammes, Antonio Machado, Aresti, Torga, Otero Pedrayo…
– RAG: Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
– FS: “A nai enche” (Ritual pra unha tribu capital de concello). É todo unha lección de esencias galegas, da Casa… que vencella moitas tradicións galaicoportuguesas.”