Mercedes Queixas: “Manuel María foi un grande humanista”

EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Mercedes Queixas (MQ): Manuel María asina máis dun cento de títulos escritos ao longo de cincuenta e catro anos, polo tanto fecundidade e constancia son trazos obxectivamente definidores. O seu proceso creativo atendeu todos os xéneros, nomeadamente a poesía, á que corresponden máis de cincuenta obras, mais tamén narrativa, teatro, ensaio e escrita xornalística. Unha expresión, pois, diversa e, ao tempo, moi plural tematicamente, que identifica a obra co transcorrer da canle dun río alimentado por sucesivos afluentes enriquecedores.
A perfecta simbiose entre a representación das causas do pobo e a súa obra converteuno na voz amplificadora do pobo silenciado, agredido e expropiado, desde a dignificación da lingua galega e da cultura popular que a constrúe e sostén con personalidade propia, recuperando a visibilidade do seu papel na historia e os referentes cultos de seu. Finalmente, a lectura da obra do autor permítenos visualizar o mapa do seu tempo, desde diferentes ángulos, converténdose nunha crónica biográfica, persoal polo tanto, mais sempre acompañada da man da cronoloxía que marcou a experiencia vital colectiva galega, española e internacional, o que o converte nun referente intelectual da segunda metade do século XX. (…)
– RAG: Que vixencia conserva a súa creación?
– MQ: Malia o carácter tan voluminoso da súa escrita, como antes mencionamos, a altísima amplificación popular a través da música e as raíces profundas no seu pobo, entendemos que Manuel María segue a ser un autor bastante descoñecido. No entanto, si sorprende o coñecemento maior que chegou a ter se temos en conta as severas dificultades coas que sempre se encontrou para ver a súa obra editada e, consecuentemente, para conseguir que chegase de xeito maioritario ao público lector quen, tantas veces, accedeu á súa obra de xeito limitado, parcial e clandestino. Unha visibilidade moito tempo condicionada que tamén alimentou a crítica literaria ao non lle ceder o merecido espazo de atención ao xulgar a súa obra con parámetros extraliterarios.
Felizmente, a lectura completa da obra, nada dunha auténtica vocación de escritor universal, é hoxe posíbel. Cada nova lectora descubrirá un dos moitos Manuel María que o verso e a prosa gardan. Nada resultou alleo a Manuel María, por iso no conxunto da súa obra é posíbel descubrir os múltiples e ilimitados centros de interese do poeta que nunca nos deixan indiferentes. A súa obra é das de maior entidade das publicadas na segunda metade do século XX, cuantitativa e cualitativamente. O carácter multitemático de moitos dos títulos presentan un panorama real e literario fértil de forte impacto no público lector, o que explica que, malia as severas dificultades de publicación e recepción dunha boa parte da obra, consiga ver en vida sucesivas edicións de obras como Terra Chá, Documentos personaes, Muiñeiro de brétemas ou Os soños na gaiola, entre outras, e reciba proposta de tradución para moi diversos idiomas.
Por outra banda, o labor que nestes últimos anos desenvolveu a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, recuperando a Casa de Hortas, casa natal do poeta, para o encontro público con el, musealizándoa conforme o percorrido biobibliográfico en paralelo, ten sido un primeiro chanzo fundamental para revitalizar sempre a memoria de Manuel María, o principal espazo de referencia para dar a coñecer a súa obra viva e figura entre o pobo galego máis aló do vindeiro 17 de maio. (…)”