O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, dentro do programa de actos previstos pola AELG con motivo da Feira do Libro de Bos Aires, visitou o Parque de la Memoria-Monumento a las Víctimas del Terrorismo de Estado.
“Veño ao lugar onde o río semella ser xa do mar, onde o río é aínda grande río de pálida prata empardecida.
Veño traer o respecto meu e das escritoras e escritores aos mártires da liberdade, tamén galegos e galegas, fillos e netas de galegos.
Percorro en silencio o muro da memoria de mozos e mozas na flor da idade, un rapaz de quince anos, mentres xogan meniños da mao do pai na relva. Lonxincuos sons do día a día, do traballo. A vida percute na pedra, insculpe os seus Nomes de ausentes.
Unha e mais outra e outra as fotografías dos desaparecidos que ficaron inmortalizados na súa eterna xuventude.
No río unha escultura que está a piques de se afundir cos pés atados polo cemento. No seu inestable aboiar, o río lembra coas súas ondas breves. Esvara a tona da tarde un corvo mariño.
O helicóptero sobrevoa estrondosamente sinistro o lugar. As algas aboian coma rosas deitadas aos afogados.”
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG