Emma Pedreira: “Ridiculizar, animalizar, personalizar, ironizar ou des-intimar sobre o desexo faino máis próximo”

EntrevistaEmma Pedreira de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“Emma Pedreira vén de gañar a VII edición do premio Narrativas Quentes coa obra Corazón e demais tripas, pouco despois de levar o López Abente por s/t (Xerais). Positivas publicará Corazón, unha mostra de como “ridiculizar, animalizar, personalizar, ironizar ou des-intimar sobre o desexo faino máis próximo e, se cadra, menos transcendente e obsesivo”, explica a autora, que opta tamén neste libro por unha lingua “humana e real”, pois “ninguén di vaxina nin pene cando está fodendo ou pensa en levar á cama alguén, son termos médicos, enciclopédicos e a suficiencia da palabra cona –por exemplo- é tan autóctona, sinxela e potente que destaca por si mesma e é esencial na nosa lingua”. En s/t, pola contra, pódese atopar unha revisión dalgúns dos seus temas máis recorrentes, como a morte, a perda, a memoria e o exilio, a partir dun lugar de orixe que non vai volver, transformado polo tempo.
– Praza (P): Corazón son microrrelatos eróticos. Creo que é a túa primeira “incursión”no tema. E non ten moito que ver cos teus libros anteriores. Buscaches facer algo distinto?
– Emma Pedreira (EP): Gañei varios premios co formato dos microrrelatos, publiquei algún que outro e un cento máis están inéditos agardando o seu momento. O que ten é que a liña fronteiriza tan feble que hai entre o poema en prosa e o micro é algo que me favorece como poeta e aprovéitome diso cada vez que me saturo de versos e preciso narrar ou mudar de rexistro. Aínda que esta é a faciana que menos se coñece de min, tamén son narradora e apetecíame regresar ao xénero aínda que por cuestións de tempo e da obrigatoriedade da escrita narrativa preferín condensar, facer microrrelato e non algo máis longo, porque a elasticidade das miñas horas xa non permite máis.
– P: Os microrrelatos teñen que ver con temas como a diversidade, o pecado, en relación con iso as persoas ás que parece negárselles a relación co sexo, as palabras… Es consciente do predominio desas temáticas? Dáse por algún motivo concreto ou non foi buscado?
– EP: Neste caso busquei máis a forma que o fondo, deixei que os relatos puidesen fluír coa temática sexual vertebrándoo todo, como non, pero tratando de reflectir algo moi conectado a través da diversidade. Non se pode definir como un conxunto de microrrelatos senón como unha unidade de microrrelatos que se interconectan para formar algo consonte. Un por un son pequenas aproximacións ás vidas privadas de moita xente diferente, todos xuntos son un micromundo depravado e fértil, un pouco animal, marxinal se se quere e o que máis me interesaba era ver como se movía todo, cunha engranaxe total, un conxunto formal coa temática da frustración -ou da plenitude- sexual latexante. (…)”