Co Premio Escritor Galego Universal, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga e Luiz Ruffato, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
Nesta edición, o premio será entregado a Pere Gimferrer pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no marco da Gala do Libro Galego, que esta entidade coorganiza xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores e que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Pere Gimferrer, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir.
O xoves 12 de maio, ás 17:00 horas, na Libraría Moito Conto (Rúa San Andrés, 35 – A Coruña), Pere Gimferrer manterá un encontro cos medios.
O venres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Fundación Luís Seoane da Coruña ofrecerá unha conferencia (entrada libre até completar aforo), na que estará acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Eduard Velasco, escritor e tradutor, quen repasará a traxectoria do autor catalán.
Pere Gimferrer recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela
Pere Gimferrer (Barcelona, 1945) é poeta, narrador e ensaísta. Membro da Real Academia Española e da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona. A súa obra desenvolveuse en catalán, castelán, francés e italiano.
Iniciou a súa obra en castelán con Mensaje del tetrarca (1963), mais foi o seu poemario Arde el mar (1966) o que lle valeu o Premio Nacional de Poesía e o deu a coñecer como o gran poeta que marcou un cambio de época na poesía española. Despois de La muerte en Beverly Hills (1969), xa en 1970, inicia a súa produción poética en catalán con Els miralls (1970), ao que seguiron títulos como L’espai desert (1977), El vendaval (1988), Mascarada (1996), El diamant dins l’aigua (2001) ou os máis recentes —despois de trece anos de produción poética en castelán— El castell de la puresa (2014) e Marinejant (2015).
Como narrador publicou en 1983 a novela Fortuny, que lle valeu o Premio Ramon Llull de Novela e mais o Premio da Crítica de Narrativa Catalá. Tamén destaca o seu Dietari, que reúne prosas escritas entre 1979 e 1982.
A súa produción ensaística céntrase, principalmente, na obra de poetas como J. V. Foix, Octavio Paz ou Vicente Aleixandre (La poesia de J. V. Foix, 1974; Lecturas de Octavio Paz, 1983; Perfil de Vicente Aleixandre, 1986), na de artistas como Antoni Tàpies e Joan Miró (Antoni Tàpies i l’esperit català, 1974; Les arrels de Miró, 1993) e nas relacións entre o cinema e a literatura (Cine y literatura, 1985).
Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.