Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias na I Gala do Libro Galego

“Amigas GalaDoLibroGalego2016e amigos autoridades das institucions políticas, sociais e culturais do noso país, a Gala do Libro Galego faise realidade hoxe como día de celebración do libro da cultura das letras galegas no marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

No noso texto fundacional diciamos e dicimos hoxe que: Para os Escritores, Editores e Libreiros é un día de celebración e un día de reivindicación dun sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nesta lei, o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultura e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade.

É esta realidade a que queremos axudar a mudar. Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.

Precisamos o desenvolvemento dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos un plan de apoio á rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. Sen esquecermos a todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, bibliotecas, e centros de ensino, animadores e centros socioculturais entre outros.

Para poder conseguir estes fins precisamos da recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; cunha Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico para o libro Galego, cun programa de potenciación do comercio exterior para o libro.

Precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega na Galiza e no exterior; da existencia de plans anuais de lectura.

É inaprazábel converter a defensa das librarías nun asunto de Estado para poder defender o libro como produto de excepcionalidade cultural.

Precisamos dunha maior dotación orzamentaria para o desenvolvemento dun sistema de adquisición de novidades editoriais galegas, coa creación dunha liña específica de axudas para a edición de grandes proxectos editoriais e obras de interese galego.

Agardamos que os medios de comunicación de titularidade pública estexan implicados en dar visibilidade á cultura galega e ao libro en Galego en concreto en horarios de máxima audiencia.

Sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.

Os escritores e escritoras damos os contidos culturais ás diversas industrias do noso país, mais somos tamén moito máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser vivo cunha identidade colectiva propia, imborrábel. Da mao das nosas editoriais e máis do tecido das librarías levamos a todo o corpo social o libro, a seiva nutricia da nosa cultura. É a nosa responsabilidade a de crear lectores e lectoras con capacidade crítica.

Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe celebramos por vez primeira? A de engadir a necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo de sobredimensionamento de certa cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.

Este ano, 2016, toda Galiza está a celebrar a un poeta, Manuel María, mais sobre todo está a celebrar ao galego que tivo sempre como norte esta Terra e as mulleres e homes desta Terra. Soñando sempre unha lingua, orgullosa de seu na voz das nenas e dos nenos.

Este ano celebrase tamén o centenario das Irmandades da Fala. As que colocaron a Galiza como centro de decisión e suxeito do propio devir e á cultura galega como alma dinamizadora do seu ser social. Eles foron visionarios ao lle dar un valor fulcral ao seu labor editorial, como forma de vertebrar unha cultura. Eles foron escritores, e foron editores de libros e prensa. Lendo os textos dos homes e mulleres das irmandades da fala sobre os problemas da cultura do seu tempo, resultan dolorosamente actuais, mais alentadores eles no ánimo que demostraron nesta angueira que era a súa e é a nosa. Grazas a elas e eles estamos hoxe aquí. Somos o camiño que vén do pensamento, da palabra, das arelas das xentes das irmandades e queremos ser legatarios desta herdanza.

O libro é un lugar para a memoria que transgrede o tempo, un espello, un Mestre, co que crear e recrear o mundo que fomos capaces de fundar.

O libro toma unha nova dimensión, neste tempo dunha perversa sobreinformación, que sepulta a capacidade de comprensión e que leva a banalizar as causas dos problemas que traen a dor ao ser humano e que banaliza entre delas, a emigración nas súas máis sutís formas que arrinca á xente da súa terra coma árbores, en palabras de Juan Gelman, e anulan a capacidade dos pobos para determinar o seu futuro.

Somos unha das máis antigas culturas da Europa e querémola na altura ética e solidaria que a soñaron, Rosalía, e Pasolini, Víctor Casas e Virginia Woolf, Maruxa Mallo e Pere Gimferrer, somos un dos pobos que a axudamos a construír cando viñeron a se ollar no espello do serán de Compostela porque previamente tiñamos construído unha inmensa tradición.

Parafraseando ao noso Escritor Galego Universal:
“A Lingua determina en parte o que un escrebe mais é a tradición literaria de cada lingua a que ven ter un peso enorme”. Afortunados os que temos unha tradición como a Nosa. É esa tradición a que nos dá, en palabras de Otero Pedraio, a Conciencia que vive na zona íntima intraducible e libre do pobo galego. A que nos dotou e dota da conciencia de sermos e crear, aquilo que nos dá a capacidade de dialogar con outras culturas enriquecéndonos, sen sermos asimilados, que dicía Don Ramón Otero Pedraio no seu Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega.

Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, sobre todo posibilita o coñecemento do ser colectivo que somos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen editores, libreiros e escritores que fixeron e fan nacer a palabra nova. Cos nosos libros arrincarémoslle á dura pedra da realidade algunha faísca de verdade.

Artesáns da palabra, orfebres do idioma, comprometémonos coa tarefa de convertelo nunha lingua de ouro, como acuñara Pondal. Compartimos con Pere Gimferrer a tarefa de conquistar para a nosa lingua e a nosa literatura territorios aínda non explorados, como así ten feito o noso poeta coa Lingua e a literatura catalá.

Editores coma Ánxel Casal ou Álvarez Blazquez que ao publicar crearon e recrearon mundos. Libreiros coma Antón Patiño Regueira, ou Manuel María e Saleta que nos axudaron a atravesar, tantas, e tan longuísimas, noites de pedra, creando lugares de comunicación entre o texto escrito e editado co lector. Eles e elas fundaron librarías como ágora de civilidade ou íntima praza pública.

E antes de lle dar paso ás e aos protagonistas esta noite, permitídeme unha lembranza fraterna para os que partiron e fican humildes na sua obra.
O escritor Xosé Fernández Ferreiro que hoxe é esparexido orballo na Horta da súa casa natal en Nogueira de Ramuín. O escritor e teólogo Xosé Chao Rego, que pensou para nós esta Terra como lugar da solidaria irmandade, como o sempre paraíso. Na súa Gres natal Xosé Neira Vilas xace xa en matrimonio eterno con Anisia Miranda, a escoitar soñador o merlo, o paporroibo, nalgún marmeleiro en flor. No mar de Vigo, María do Carme Kruckenberg, vogando de alma elegante, seguirá a tecer un tempo Novo para a tenrura. O xornalista e escritor Ramón Lugrís Pérez, que seguirá a percorrer, dende o seu Ferrol natal, a Europa, para nos dar noticia de todo lugar onde os dereitos deixaron de ser humanos. En Moaña, o Libreiro Benxamín Riobó, para sempre na súa inacabada xuventude partiu a camiñar os areais do alén onde sempre hai unha libraría onde se acoller e nos acariñar a alma.

Entre todos e todas alimentaron o que somos e o que soñamos ser.

Sede benvidas e Benvidos a este acto de amor ao libro Galego, ás librarías, a este acto de reivindicación da escrita en Lingua GALEGA como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación do ser colectivo que somos e do que nos orgullamos e que se chama Galiza.

Cesareo Sánchez Iglesias
En representación da AELG, AGE e a FLG.”