María Solar: “Interesábame moito afondar nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto”

EntrevistaMaría Solar de Montse Dopico a María Solar en Praza:
“(…) – Praza (P): Manuel, o neno protagonista [de O meu pesadelo favorito], recibe visitas dunha Alicia que vén do Mundo da Febre. En que se parece esta Alicia á do País das Marabillas? Por que optaches por falar do mundo dos soños?
– María Solar (MS): A miña Alicia, aínda sendo unha chiscadela evidente e unha admirada homenaxe a Lewis Carroll, é absolutamente antagónica á orixinal, no sentido de que a miña non é unha nena ben, esta é unha pequena que vive nun lugar onde os nenos coma ela traballan desde moi cativos, que non ten nai, e utiliza os soños de Manuel para coidar del porque o ve triste e enfermo. O de utilizar un mundo de soños en O meu pesadelo favorito foi porque me permitía liberar da forma máis atrevida a imaxinación e crear seres e personaxes fascinantes como o vendedor de olores de recordos e recordos de olores, dinorrinco, hipodrilo ou a repartidora de bicos. E ademais era óptimo para contrapoñelo ao plano da realidade, que é unha realidade absurda, que ás veces tamén asemella un soño. (…)
– P: En As meigas de Lupa había algo de Historia (o castrexo…). Como hai en As horas roubadas (o tempo da transición). Escolliches esas épocas históricas por algún motivo particular?
– MS: Escollinas por apaixonantes e singulares. Cada vez que visitei un castro sentinme abraiada polo xeito de vir desa xente e a dureza que tiña, non podía evitar pensar no tremendo que debía de ser. Pareceume que había que trasladalo a un libro. E no caso de As horas roubadas, está ambientado en 1979, porque é un tempo perfecto de transición no social, no político, no cultural, mesmo na TV que é case un personaxe do libro e en 1979 mudaba do branco e negro á cor, pero só se tiñas cartos para mercar unha televisor novo podías ver en cores. E esa transición estana a vivir tamén cada personaxe da novela nas súas vidas. Transicións persoais, no amor, diferentes, pero que precisan de valor para afrontalas. Era unha época perfecta para ambientalo, e para lembrarnos como eramos non hai tanto tempo. Nalgúns eidos como o da muller dá para pensar moito no que se alcanzou e no que segue lastrándonos. (…)
– P: Un dos temas do libro é o maltrato. Unha muller anulada polo seu marido e, en xeral, pola súa familia, que aproveita a situación porque, ata que comeza a espertar, resúltalle cómoda. En contraste, hai outra familia (doutra clase social) cunha concepción das relacións de xénero, do amor ou do matrimonio, moito máis modernas. Aínda que ambas poderían ser familias actuais. A idea é retratar un momento de cambio social, no que se poderían atopar os dous exemplos, pero sobre todo o primeiro?
– MS: A finais dos setenta eses dous tipos de mulleres convivían moi claramente. Mentres que unha era unha muller emancipada e de ideas claras entorno á súa liberdade, a outra estaba alienada por unha situación social na que vivir sen voz era habitual, igual que o era ser a escrava de todos na casa, ou ser considerada dependente e inmatura como persoa. Ela mesma confundira o control e a posesión da súa parella co amor. Ese perfil de parella segue a existir hoxe. Interesábame moito afondar neses personaxes, nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto. (…)”