Universo Pulp, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“O pulp define tanto un formato de edición coma toda unha estética que retrotrae as súas orixes aos finais do XIX. Entendido como un particular soporte de impresión, o pulp nace do emprego dun tipo de polpa de madeira que produce un papel amarelento, basto e de calidade ruinzalla, co que se confeccionan volumes sen guillotinar e de custo moi reducido. Ese foi o material co que comezaron a publicarse certo tipo de historias que tiveron moito éxito nos anos 20, 30 e 40 do pasado século e que hoxe continúan chegando ao público nunha sorte de revival neopulp. (…)
Na literatura galega tamén hai interesantes exemplos desta literatura da ‘polpa’. Unha sorte de pulp pioneiro teríano sido as coleccións Céltiga e Lar, tanto dende a súa materialidade (edicións populares, de baixo custo e materiais moi modestos) coma dende a súa intencionalidade (pénsese, por exemplo, que aquí apareceu Un ollo de vidro de Castelao, modelo de narrativa de ultratumba benhumorada).
Mais, alén de mostras puntuais, o pulp xenuíno toma corpo coa aparición no 2007 de Urco Editora como selo especializado. Ao seu esforzo editorial debemos a tradución ao galego de clásicos do pulp (Lovecraft, Howard), a aparición de colectáneas que seguen o ronsel das revistas pulp estadounidenses (velaí as diversas entregas dos volumes colectivos Contos estraños, un “steam-pulp da Galiza”, como a definen os seus responsables) e tamén a publicación de narracións de autoras e autores noveis que ofrecen produtos literarios encadrables nos eidos do terror fantástico ou da ficción científica en edicións de estética pulp.
Non xa pola súa textualidade senón polo seu formato habería que contar como parentela pulp unha colección como Xerais Peto e varias outras da división Alternativas. Tamén si, a máis recente Pulp Books, selo especializado na tradución de títulos galegos ao castelán e ao catalán no que teñen aparecido ben interesantes obras en edicións autenticamente populares, con deseño, maquetación e cubertas moi na liña do universo pulp, asinadas por autores como Iolanda Zúñiga, Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Xabier López, Xosé Ramón Pena, Mario Regueira, Santiago Jaureguizar, Luís Rei Núñez ou Eva Moreda, entre outros.

[Faro de Vigo, 12-5-2016]”