Entrevista a Teresa Moure en Sermos Galiza:
“Falamos coa escritora Teresa Moure, unha das promotoras do manifesto “O fim do Apartheid” que reclama o cese da “discriminación” do reintegracionismo dentro da cultura galega.
– Sermos Galiza (SG): Que vos levou a publicar ese manifesto?
– Teresa Moure (TM): A verdade é que a cousa sucedeu un pouco por acaso, porque nos últimos días, semanas, nos fíos de Facebook, aparecía un pouco esta idea de moitos reintegratas, en conversas diferentes, da exclusión e de como o estabamos vivindo. E así informalmente, nunha desas conversas, cinco persoas, todas reintegracionistas, decidimos facer esta intervención, publicar un texto e solicitar sinaturas.
– SG: E a partir de aí pedistes algún tipo de xuntanza coas entidades ás que apelades directamente, como as editoriais, A Mesa ou outras asociacións?
– TM: Por agora non, o único que houbo foi esta petición individual de sinaturas.
– SG: A estas alturas levades máis de 500 apoios. Tedes folla de ruta a partir de aquí?
– TM: Aínda que todo foi, insisto, bastante casual, non responde a unha actividade planificada previamente, o que imos falando nestes días, vendo a boa acollida que está tendo, vai implicar facer algún movemento, probablemente esta actividade poida ter algún tipo de continuidade coa idea de conseguir esa solidariedade desexada do resto da cultura galega. Pero non hai nada como unha folla prevista.
– SM: As reivindicacións con respecto ás editoriais son claras, queredes publicar e que poidades presentarvos a premios literarios. Que é o que lle pedides ao resto das asociacións da cultura galega?
– TM: O que pedimos é unicamente que as persoas que non se senten identificadas coa normativa que nós utilizamos e que non a van utilizar, non estamos buscando conversos que se veñan a escribir coma nós, senón que nos acepten como parte da cultura galega a todos os efectos. Loxicamente, creo que si se pode inferir do texto que eses efectos son, cando se trata de convocar un premio, permitírsenos seguir escribindo galego como nós o escribimos, cando se trate de trate dunha publicación nunha editora, que se acepte sen ter que facer modificacións gráficas. Cando fan algunha campaña algunha asociación, que tamén esteamos presentes e visibles, somos algo máis dentro da cultura galega. Non somos inimigos, non escribimos nunha lingua diferente. Na situación na que está a lingua, unha situación problemática e de acoso e de difultades de supervivencia, eu creo que este apelo en termos éticos, por iso a argumentación se fixo sobre todo en termos éticos, non en termos filolóxicos, ou en termos de competir ou de valorizar unha determinada normativa, leva unicamente a iso, a se a lingua está a morrer nós tamén somos efectivos a favor da lingua, por iso non hai ningún tipo de hostilidade contra persoas que utilicen outra normativa.”