Antonio M. Fraga: “Como outros moitos rapaces da miña xeración, cheguei a Lovecraft grazas a Agustín Fernández Paz”

Entrevista Antonio Manuel Fragade Alberto Ramos a Antonio M. Fraga en Praza:
“(…) – Praza (P): O Premio Antón Risco é na actualidade o único certame de literatura fantástica que hai en Galicia. Un galardón coma este é fundamental para un xénero que se cultiva pouco?
– Antonio M. Fraga (AMF): A verdade é que penso que cada vez abunda máis. Sempre se fixeron cousas. A xente que lle gusta ir por ese camiño está a emprender na actualidade proxectos variados e interesantes. A existencia dun premio de literatura fantástica é, ademais, un síntoma de normalización para o conxunto do sistema literario. Un sistema literario debe contar con distintos e variados premios, respondendo a diferentes xéneros. Penso que é positivo en todos os niveis. Primeiro para o propio xénero fantástico, xa que ter un premio desta natureza se converte nun acicate para apostar polo xénero. En segundo lugar, para o sistema literario no seu conxunto, que se ve reforzado e enriquecido. (…)
– P: Esa fronteira entre a loucura e a realidade convértese na résgoa por onde entra a literatura fantástica, non?
– AMF: No ámbito temático, eu quería contar [en Querido H. P. Lovecraft] a historia de Howard e que transcendese dalgunha maneira do xénero fantástico. Quería contar a historia da desesperación dese home, de como se vai mergullando nun caldo de cultivo que o leva irreversiblemente cara ao suicidio. Á hora de facelo, si que botei man dalgunhas teimas clarísimamente lovecraftianas como son a xa citada fronteira entre a loucura ou o pesadelo recorrente, que é un elemento moi presente nalgunhas fases nas que está dividida a obra de Lovecraft. É dicir, a fase onírica ten moita presenza. Tamén emprego a cuestión lovecraftiana da imposibilidade de fuxir do noso destino e cúmprese, ademais, o patrón desa persoa formada intelectualmente e escéptica que vive alteracións á lei natural que a levan primeiro á tolemia e finalmente á morte. (…)
– P: Non sei se quere engadir algún aspecto da novela que pasara eu por alto…
– AMF: Unicamente gustaríame dicir que xa no propio título se ve que o texto ten moito de homenaxe a Lovecraft ou máis concretamente á súa obra, seguramente máis merecedora da homenaxe cá súa persoa. A súa obra levou o terror a asumir anovadoras marcas de xénero que despois transcenderon a outros ámbitos como o cinema ou a banda deseñada. Despois, comentar que eu cheguei a Lovecraft, como outros moitos rapaces da miña xeración, grazas a Agustín Fernández Paz, que cultivou o xénero do terror cósmico lovecraftiano en obras como Aire negro. Pódese considerar este libro tamén unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz. (…)”