Entrevista a Xulio Ríos en Pontevedra Viva:
“(…) – Pontevedra Viva (PV): O 28 e 29 de xuño celébrase o primeiro Congreso de Estudos Internacionais de Galicia. Coincide co 25 aniversario da creación do Igadi. Por que esperar tantos anos para organizar esta primeira edición?
– Xulio Ríos (XR): Ao longo deses 25 anos temos traballado en distintos ámbitos na paradiplomacia, na acción exterior de Galicia e consideramos que o feito dos 25 anos era un momento interesante para propiciar esa reflexión e, sobre todo, para chamar a atención sobre a importancia de ter unha acción exterior propia. Creo que tamén ao longo destes 25 anos logramos xerar un mínimo de masa crítica a nivel académico e investigador para que un debate destas características teña sentido. O que queremos é reunir a actores galegos dende o ámbito da cultura, da empresa, institucional, social para que reflexionen en conxunto sobre cal é a posición de Galicia como autonomía no mundo e cales poden ser as liñas de acción para o futuro. (…)
– PV: Os obxectivos do Igadi son que Galicia teña opinión e que se escoite fóra de aquí. Pensa que se ten conseguido?
– XR: Son procesos que non son lineais. Indubidablemente gañamos terreo nestes 25 anos. Entre outras cousas, porque estamos máis presentes en Europa e Europa abriu o campo de xogo para a presencia exterior das autonomías. Probablemente tamén podiamos facer moito máis noutros campos, pero iso depende moitas veces da vontade política e da propia capacidade da sociedade civil e a sociedade civil en Galicia é bastante débil, pouco estructurada, demasiado dependente do poder e isto limita as capacidades de actuación.
– PV: Por que considera que Galicia ten unha sociedade civil tan débil?
– XR: As razóns poden ser moitas, pero creo que ten moito que ver co pouco valor que lle concedemos á independencia. Para a sociedade civil unha clave fundamental é a independencia e manterse aí de maneira firme e iso crea dificultades nunha sociedade que está pouco vertebrada. Existen sociedades moito máis avanzadas nese sentido porque hai unha sociedade civil que se autoorganiza cada vez máis e é capaz de xerar iniciativas propias con ou sen o apoio do poder. Ese proceso aquí é moito máis difícil. Primeiro, porque é unha sociedade con menos recursos, pero tamén porque existe na propia sociedade a mentalidade de que necesitas do poder e no propio poder a mentalidade de que todo o que nace da sociedade civil debe ser dalgunha forma ocupado, instrumentalizado. (…)”