Xosé Fuentes Alende gaña o premio de investigación Olimpio Arca

Desde Pontevedra Viva:
“Un traballo sobre os exvotos na relixiosidade popular galega foi elixido por unanimidade como o gañador da primeira edición do premio de investigación Olimpio Arca, convocado polo Concello de Cuntis.
O gañador, Xosé Fuentes Alende, é natural de Cuntis, que recibirá un premio de 1.500 euros.
O xurado do premio, formado por Mar Llinares García, Mercedes Queixas (en representación da AELG), Héitor Picallo (investigador cuntiense e coñecedor da figura de Olimpio Arca), Carlos Valle (director do Museo de Pontevedra), Gregorio Ferreiro (en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística), Mónica Arca (filla de Olimpio Arca) e Enrique Portela (concelleiro de Cultura), destaca que se trata dun traballo que significa unha grande achega ás temáticas de estudo dentro do ámbito galego e que ademais conta cunha maior proxección a nivel español e internacional.
Ademais, celebran que é unha investigación novidosa dentro do ámbito de estudo, é rigoroso, está escrito dun xeito impecable, o que facilita o acceso a diferentes planos de lectores, e que se trata dunha temática de actualidade.
A Concellería de Cultura de Cuntis traballa xa para iniciar os contactos para a súa publicación.
A entrega do premio terá lugar nun acto solemne o sábado 18 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres.”

Xulio Ríos: “A sociedade civil en Galicia é débil, pouco estruturada, dependente do poder e isto limita as capacidades de actuación”

EntrevistaXulio Ríos a Xulio Ríos en Pontevedra Viva:
“(…) – Pontevedra Viva (PV): O 28 e 29 de xuño celébrase o primeiro Congreso de Estudos Internacionais de Galicia. Coincide co 25 aniversario da creación do Igadi. Por que esperar tantos anos para organizar esta primeira edición?
– Xulio Ríos (XR): Ao longo deses 25 anos temos traballado en distintos ámbitos na paradiplomacia, na acción exterior de Galicia e consideramos que o feito dos 25 anos era un momento interesante para propiciar esa reflexión e, sobre todo, para chamar a atención sobre a importancia de ter unha acción exterior propia. Creo que tamén ao longo destes 25 anos logramos xerar un mínimo de masa crítica a nivel académico e investigador para que un debate destas características teña sentido. O que queremos é reunir a actores galegos dende o ámbito da cultura, da empresa, institucional, social para que reflexionen en conxunto sobre cal é a posición de Galicia como autonomía no mundo e cales poden ser as liñas de acción para o futuro. (…)
– PV: Os obxectivos do Igadi son que Galicia teña opinión e que se escoite fóra de aquí. Pensa que se ten conseguido?
– XR: Son procesos que non son lineais. Indubidablemente gañamos terreo nestes 25 anos. Entre outras cousas, porque estamos máis presentes en Europa e Europa abriu o campo de xogo para a presencia exterior das autonomías. Probablemente tamén podiamos facer moito máis noutros campos, pero iso depende moitas veces da vontade política e da propia capacidade da sociedade civil e a sociedade civil en Galicia é bastante débil, pouco estructurada, demasiado dependente do poder e isto limita as capacidades de actuación.
– PV: Por que considera que Galicia ten unha sociedade civil tan débil?
– XR: As razóns poden ser moitas, pero creo que ten moito que ver co pouco valor que lle concedemos á independencia. Para a sociedade civil unha clave fundamental é a independencia e manterse aí de maneira firme e iso crea dificultades nunha sociedade que está pouco vertebrada. Existen sociedades moito máis avanzadas nese sentido porque hai unha sociedade civil que se autoorganiza cada vez máis e é capaz de xerar iniciativas propias con ou sen o apoio do poder. Ese proceso aquí é moito máis difícil. Primeiro, porque é unha sociedade con menos recursos, pero tamén porque existe na propia sociedade a mentalidade de que necesitas do poder e no propio poder a mentalidade de que todo o que nace da sociedade civil debe ser dalgunha forma ocupado, instrumentalizado. (…)”

Conversa con Xesús Constela, Ledicia Costas e Álex Alonso en Pontevedra Viva Radio

Desde573d7ddc23-20160513-patxot-conversas-na-ferreria-escritores-gallegos-radio-013 Pontevedra Viva Radio:
“Con motivo da celebración das Letras Galegas, miramos precísamente a “este material” co que traballan os nosos convidados de estas Conversas na Ferrería. Sobre literatura actual en galego falamos cos escritores Ledicia Costas, Xesús Constela e Alex Alonso. Pode escoitarse aquí.”

Calros Solla, premio Cidade de Pontevedra 2015

DesdeCalros Solla Pontevedra Viva e Concello de Pontevedra:
“O profesor Calros Solla Varela como persoa física e o Instituto de Ensino Secundario Luís Seoane de Monte Porreiro como persoa xurídica resultaron escollidos Premios Cidade de Pontevedra 2015. (…)
O xurado tivo en conta a traxectoria de Calros Solla Varela como narrador e cronista do río Gafos e como defensor da biodiversidade, ademais de ser un gran promotor do patrimonio inmaterial. (…)
Os premiados recibirán os galardóns co nome da cidade na sesión de honra no Pleno municipal convocado para o día 20 de xaneiro, no Teatro Principal, o día da festividade de San Sebastián, patrón de Pontevedra.”

O vello e o minotauro, de Xesús Castro Yáñez, gaña o primeiro premio de relato breve Nélida Piñón

Desde Pontevedra Viva, Diario Cultural da Radio Galega e Criticalia, de Armando Requeixo:
“Xesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, organizado grazas á colaboración conxunta entre Concello de Cotobade, Consellería de Cultura e Educación e Deputación de Pontevedra.
A súa obra, O vello e o Minotauro, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer este martes nunha rolda de prensa.
En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. O vello e o Minotauro é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga. (…)”

Pontevedra: Broche de ouro ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil co acto de homenaxe Marilar Aleixandre

Desde Pontevedra Viva:
“Orbil, a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, chegaba hai xa tres semanas para abrir a edición 2013 A toda máquina!. Este sábado dixo adeus ata o ano que ven a unha actividade intensa de obradoiros, contacontos, espectáculos, concertos e visitas que levaron polas salas do Pazo da Cultura a 26.000 persoas.
A derradeira xornada foi igual de activa que as 21 anteriores e tivo como broche de ouro o acto de homenaxe á autora Marilar Aleixandre, cargado de emotividade da man da escritora de Lérez Fina Casalderrey, que destacou as cualidades profesionais da protagonista, destacou vivenzas persoais froito da amizade que as une e pechou cunha emotiva aperta.
A autora homenaxeada fixo un repaso da súa traxectoria dende que se iniciou no amor pola lectura á idade de 3 anos e medio e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, pechou o acto agradecendo a labor de quen cada ano co seu traballo fan posible o Salón. Destacou tamén a importancia de manter nestes tempos un proxecto cultural desta índole, aberto a todos, e que promete estar de volta aínda con máis forza o ano que ven. (…)”.

Escritoras e escritores en catalán, euskera e galego escollen Pontevedra para debater sobre literatura infantil e xuvenil

Desde Pontevedra Viva, recollido tamén por Sermos Galiza:
“O éxito do Salón do Libro Infantil e Xuvenil axudou a que a Federación Galeusca, constituída polas asociacións de escritoras e escritores en linguas catalá, euskera e galega, escolla Pontevedra como sede do seu congreso anual. Este encontro vén celebrándose por quendas desde 1984 en Galicia, País Vasco e Cataluña e terá en Pontevedra a súa edición número vinte e nove. Será a finais do próximo mes de outubro.
A elección de Pontevedra é debido, segundo o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, a que este ano este congreso xirará en torno á literatura infantil e xuvenil, da que dixo, “Galicia é a comunidade autónoma que máis premios nacionais ten”. Serán en total nove autores, tres de cada un dos idiomas, os que participen como ponentes nestas xornadas.
O obxectivo deste congreso é que estas tres literaturas “se comuniquen sen intermediarios” e se analice de forma conxunta a “similar problemática” que afecta a cada unha delas. Ademais das tres mesas redondas coas que contará esta xornada, celebrarase un acto lúdico-musical e varias visitas para que os autores foráneos coñezan a cidade. Trátase de eventos abertos a toda a cidadanía.
Ademais Cesáreo Sánchez sinalou que con este tipo de iniciativas “intentamos ensinar o mellor que temos no noso país e por iso é polo que tomamos a decisión de vir a Pontevedra”, cidade da que valorou positivamente a súa política cultural “da que estamos especialmente orgullosos” e o seu actual modelo urbano. E é que Pontevedra xa foi sede deste congreso hai uns nove anos “e estaba todo en obras, agora que está paseable é marabillosa”.
O presidente dos escritores galegos agradeceu especialmente ao Concello de Pontevedra o seu respaldo para celebrar na cidade este congreso “porque estivo a piques de non celebrarse por falta de recursos”. Unha situación que comparou cos problemas que están tendo as literaturas periféricas “que están permanentemente sendo agredidas” pola política cultural do Goberno central.”