Entrevista a Helena Villar en Sermos Galiza:
“Rianxo foi o epicentro en que tivo lugar a homenaxe da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a Helena Villar, que foi recoñecida co premio Escritora na súa Terra. Conversamos con ela nada máis recibir a Letra E e após plantaren o loureiro elixido por ela propia.
“Metaforicamente era a entrega do meu título de escritora”. Así responde Helena Villar Janeiro cando se lle pregunta como está a vivir a homenaxe á Escritora na súa Terra por parte da AELG. “Agora xa teño a escultura real co E de escritora [unha peza escultórica de Caxigueiro]”, chancea.
“Teño xa o título físico para poder exercer unha carreira, a de escritora, que exercín sen título ningún e hoxe comprométome a seguir profundizando nela. Vou facer 76 anos, parece que estou moi ben de saúde e prometo que vou usar a marabillosa lingua que aprendín dos velliños dos Ancares para seguir escribindo”, sinala en declaracións a Sermos Galiza.
Helena Villar confesa que o acto que está a ter lugar este sábado en Rianxo “dá moita enerxía e pulo para darlle vida ás palabras e para continuar na literatura”. Sente “unha emoción moi grande debido a que os escritores e escritoras decidiran darme o premio e a que o concello, toda a xente, contribuíse de maneira deslumbrante, desde a organización até a composición por parte de Antón Alcalde dunha peza en tres tempos para min”.
A escritora homenaxeada salienta a xenerosidade do concello, “son adoptiva e tratáronme de forma inmellorábel”. Tamén gostou especialmente da interpretación da Rianxeira, “todos cantamos como se fósemos un coro organizado”. “Iso demostra unha unión e un desexo de homenaxear moi grande”, admítenos, emocionada. Aliás, agradécelles “a todos os meus amigos e amigas, non só escritores e escritoras, que viñesen de todas as partes de Galiza para participar na homenaxe. É un agasallo enorme”. “Doulle moito mérito á complicidade do concello, concello entendido como xente e como institución”, conclúe.
Un abrazo de todos a todos
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, salientou na súa intervención a traxectoria de Helena Villar como escritora, “aparte da súa condición, é necesario resaltar a súa achega aos máis novos nunha época en que estaban a abrirse os camiños para que hoxe a colleita da literatura infantil e xuvenil sexa tan fértil”. “Para que hoxe haxa cinco premios nacionais de literatura infantil e xuvenil tivo que haber escritores e escritoras como Helena Villar que abrisen camiño e que sementasen”. “Tamén é de subliñar a súa condición de ensinante en galego naqueles tempos”, engadiu o presidente da AELG.
“Foi como un abrazo de todos a todos”. Así define Cesáreo Sánchez a xornada matinal da homenaxe. “Tamén estamos moi contentos porque aos poucos imos equilibrando a nómina de escritoras dentro dos 22 actos de entrega da Letra E que levamos realizado”, explica, “Helena é a oitava das mulleres ás que se lles dedica esta homenaxe”.
Durante a mañá, tiveron lugar as intervencións da propia homenaxeada, de Cesáreo Sánchez e do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, así como unha fermosa laudatio de Marica Campo. Colocouse o monólito en homenaxe a Helena Villar e plantouse a árbore elixida pola poeta, un loureiro.
De maneira simbólica a entrega da Letra E tivo lugar no edificio da Casa da Cultura que acolleu as escolas da Primeira República e que antes fora cuartel. “Desta maneira tamén recollemos a traxectoria e biografía dos edificios e do propio país”, afirma o presidente da AELG, quen lle agradeceu ao “Concello no que é tan fácil vivir en galego” a súa colaboración.”