Mirarei este mar
cos ollos que hoxe inscribo nesta pedra.
Navegarei solpores en Rianxo
sen antes ter eu sido mariñeira.
A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro, quen xa é Socia de Honra da AELG. Entregouselle en Rianxo o 25 de xuño, na que foi a vixésimo segunda edición desta homenaxe.
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que foi homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Vexa aquí a crónica fotográfica completa da homenaxe (da autoría de Eduardo Castro Bal – A. C. Alexandre Bóveda – Ollo de vidro)
PROGRAMA
Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora)
- Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
- Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo
- Helena Villar Janeiro
Acto de entrega da “Letra E” (Escola da I República – Cuartel vello)
- Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo
- Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELG
- Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
- Marica Campo: Laudatio
Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro
Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro.
14:00 h. Xantar no Pazo de Rianxiño
Xantar de confraternidade.