Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña recoñece a traxectoria na defensa e promoción da lingua do escritor Xabier P. DoCampo. Na categoría de iniciativas destinadas á infancia o premio recaeu ex aequo no Correlingua e na Semente.
O xurado composto por Valentina Formoso Gosende, Mónica Pazos Martínez, Mercedes Queixas Zas e Anxos Sobriño Pérez, coa deputada e responsábel da área de Cultura e Normalización, Goretti Sanmartín, como presidenta e a técnica Dores Sánchez Alegre como secretaria decidiu concederlle o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua ao escritor Xabier P. DoCampo, “pola súa traxectoria literaria e recoñecemento dentro do ámbito internacional e nacional da literatura infantil e xuvenil galega e polo seu compromiso e implicación coa lingua demostrado ao longo de moitos anos de intervención e dinamización sociolingüística a prol do noso idioma”, segundo consta na acta do premio.
Na reunión que se desenvolveu este venres na sede da Deputación da Coruña, o xurado decidiu tamén que o premio á nova categoría dirixida a traballos para a normalización da lingua en infantil e xuvenil fose compartido por dúas iniciativas de especial relevancia para o proceso de normalización: a A. C. Correlingua e a Escola de Ensino Galego Semente, “polo seu labor de intervención nun sector de especial relevancia para o futuro do galego como é a infancia e a mocidade”. (…)”