O Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña recoñece o labor normalizador da AS-PG e o proxecto Apego

Desde a Deputación da Coruña:
“A AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e o proxecto “Apego” que ten á Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) como representante legal son as iniciativas gañadoras do VIII Premio Rosalía de Castro de Lingua.
A AS-PG resultou gañadora na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaque na promoción da lingua galega, segundo o xurado pola súa “tarefa continuada e a longa traxectoria a prol da lingua e cultura galegas, formación docente, publicación de materiais didácticos, promoción de espectáculos audiovisuais, elaboración de estudos sociais, implicación decisiva no proceso de normalización lingüística, etc”
Na categoría que premia proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade, resultou gañador o proxecto “Apego”, representado pola CTNL, segundo o xurado por “promover o uso do galego na infancia e a súa implantación en todo o país”.
O xurado estivo composto por Iolanda Galanes, Anxo Louzao, Cibrán Arxibai e Xián Naya coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, como presidenta e a técnica da área, Dores Sánchez como secretaria.
A vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, destacou o “carácter innovador e pioneiro do proxecto Apego que vai destinado ao sector que máis precisa actividades de fomento de uso do galego, a infancia”. Por outra parte, a respecto do premio á AS-PG, Goretti Sanmartín indicou que “a súa traxectoria é a dun intenso percorrido por multitude de facetas de ampla incidencia social, con apostas dinámicas que tentan unir o mundo do lecer, do coñecemento e do orgullo do uso da lingua propia no país”.”

O escritor Xabier P. DoCampo, Correlingua e a Semente gañan o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña

DesdeXabier P. DoCampo a Deputación da Coruña:
“O xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña recoñece a traxectoria na defensa e promoción da lingua do escritor Xabier P. DoCampo. Na categoría de iniciativas destinadas á infancia o premio recaeu ex aequo no Correlingua e na Semente.
O xurado composto por Valentina Formoso Gosende, Mónica Pazos Martínez, Mercedes Queixas Zas e Anxos Sobriño Pérez, coa deputada e responsábel da área de Cultura e Normalización, Goretti Sanmartín, como presidenta e a técnica Dores Sánchez Alegre como secretaria decidiu concederlle o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua ao escritor Xabier P. DoCampo, “pola súa traxectoria literaria e recoñecemento dentro do ámbito internacional e nacional da literatura infantil e xuvenil galega e polo seu compromiso e implicación coa lingua demostrado ao longo de moitos anos de intervención e dinamización sociolingüística a prol do noso idioma”, segundo consta na acta do premio.
Na reunión que se desenvolveu este venres na sede da Deputación da Coruña, o xurado decidiu tamén que o premio á nova categoría dirixida a traballos para a normalización da lingua en infantil e xuvenil fose compartido por dúas iniciativas de especial relevancia para o proceso de normalización: a A. C. Correlingua e a Escola de Ensino Galego Semente, “polo seu labor de intervención nun sector de especial relevancia para o futuro do galego como é a infancia e a mocidade”. (…)”

Carballo: Curso de verán Traballando en lingua: (Re)pensando o discurso, do 20 ao 22 de xullo

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), convocan a sétima edición do curso de verán Traballando en lingua que este ano ten como eixo temático o de (Re)pensando o discurso.
As liñas temáticas son as seguintes:
– Reflexionar sobre a incidencia do(s) discurso(s) lingüístico(s) na situación social da lingua.
– Analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística.
– Revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación.
– Avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade e/ou necesidade de reformulación.
– Presentar propostas de actuación que permitan intervir no imaxinario social sobre a lingua.

Realizarase no Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan, s/n.) entre o mércores 20 e o venres 22 de xullo. Hai un total de 70 prazas, e a matrícula pódese formalizar aquí, cos seguintes prezos: 30 euros comunidade universitaria, persoas desempregadas e socios/as da CTNL (colectivo especial de matrícula no Xescampus); 50 euros xeral.

O programa é o seguinte:

* Mércores 20 de xullo:
11:00 h. (Re)pensando o discurso: propostas integradoras para a normalización lingüística. J. M.ª SÁNCHEZ CARRIÓN.
13:00 h. A dignificación das palabras que nos pertencen. O caso da normalización. PILAR GARCÍA NEGRO
16:30 h. Impoñemos galego ou queremos galego? Breve panorámica verbo dos marcos e discursos (erróneos?) sobre a lingua galega. IVÁN MÉNDEZ LÓPEZ.
18:30 h. Grupos de traballo: Reconstruíndo os discursos sobre a lingua. Coordinados por Olga Patiño Abeixón e Dores Sánchez Alegre.

* Xoves 21 de xullo:
10:30 h. Para a hegemonia social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas. CELSO ÁLVAREZ CÁCCAMO.
12:30 h. Grupos de traballo: Reconstruíndo os discursos sobre a lingua. Coordinados por Rosa Moreiras Cuñarro e Nuria Seoane Bouzas.
17:00 h. Marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. FERMÍN BOUZA ÁLVAREZ.
19:00 h. Obradoiros simultáneos:
+ Obradoiro de espazo lingüístico persoal. GEMMA SANGINÉS.
+ O português simples (OPS!): socializando a estratégia luso-brasileira para o galego. VALENTIM R. FAGIM.
21:00 h. Pelos na lingua. Representación teatral de TALÍA TEATRO.

* Venres 22 de xullo:
10:00 h. Obradoiros simultáneos:
+ Obradoiro de espazo lingüístico persoal. GEMMA SANGINÉS.
+ Prexuízos lingüísticos: estratexias de combate. MANUEL NÚÑEZ SINGALA.
12:00 h. Lectura e debate das conclusións xerais.
13:00 h. Unha guía de estilo para a política lingüística. É posíbel?. NEL VIDAL BARRAL.