Víctor F. Freixanes: “As columnas de ‘Á marxe’ son a gran novela aberta de Carlos Casares”

Entrevista deVíctor Freixanes 2 Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha candidatura que tivo éxito e no vindeiro ano o Día das Letras xirará arredor de Casares.
– Víctor F. Freixanes (VF): Era o momento, había case catorce anos, quince no 2017, do seu pasamento, e a min parecíame unha boa oportunidade. Diante doutros candidatos que tiñan, loxicamente, outros méritos abondo, os que asinamos a proposta de Carlos o que pensabamos era continuar o ronsel da iniciativa de Manuel María, que concitou moitas vontades e implicou a moita xente. Carlos ten unha obra literaria moi variada, con moitísimos rexistros: para rapaces moi novos, A galiña azul e os Toribios; para rapaces do que chamaríamos secundaria, xa que Vento ferido é un libro de iniciación para moitos lectores novos na literatura; ten libros para xente do bacharelato, como O sol do verán, que é unha novela moi intensa, de amor. El dicía que o seu estilo era transparente, coma unha fiestra. Claro, transparente, pero moi traballado. Os mortos daquel verán ou Deus sentado nun sillón azul non son libros fáciles. Son libros de investigación, de traballar coa lingua. E ten tamén unha dimensión de investigador, de divulgador, de ensaísta, ademais da de xornalista. As columnas de Á marxe en La Voz son unha gran novela aberta, interminable, a través da cal podes dialogar co mundo e co tempo.
– LVG: Sempre dicimos que o Día das Letras homenaxea a un autor, pero a lingua tamén se beneficia da súa obra.
– VF: É certo, e o mesmo pasou con Manuel María, que mobilizou a moita xente no país. Tampouco se trata de que todos os anos haxa que escoller un autor así, pero nestes momentos, sobre todo, necesitamos autores que mobilicen xente, que conciten vontades, que impliquen a persoas e institucións para conmemorar o día e celebrar a literatura galega e a lingua. E desa maneira, igual que Manuel María, Carlos Casares reúne esas características. A maiores, ten unha proxección da cultura galega cara o exterior que está aí. Carlos participou en iniciativas como o PEN Club e os seus libros tiveron unha divulgación fóra que sitúa noutro plano a cultura galega. A súa obra é unha contribución enorme á literatura e á modernidade deste país, que conecta con sectores moi diversos, e que concita vontades e compromisos moi distintos. Pódense recoñecer na súa obra xente de distintas opcións, incluso distintas ideoloxías, e iso é mérito del. Non é un escritor de parroquia ou de partido. (…)”