Libros fantasma, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“A Historia da Literatura Universal está inzada de libros que non foron, volumes que se escribiron, pero que nunca viron luz por diversas causas, principalmente extravío ou destrución. Son os libros fantasma, xoias de autores que hoxe reverenciamos e dos que nos gustaría conservar todas e cada unha das palabras que escribiron, vencendo así o fatum que nos roubou esa parte da súa xenialidade. (…)
Tamén a literatura galega perdeu valiosa parte da súa escrita polos camiños da sombra. Poderían aducirse moitos exemplos, mais abondará con lembrar que a propia Rosalía mandou á súa filla que queimase os versos que escribira nos últimos anos e que non dera aínda a coñecer. Quen sabe se entre aqueles papeis non habería un outro Follas novas xa por sempre desaparecido.
Non por propia vontade senón por cruenta imposición acabaron por perderse varios dos libros que estaban a piques de se imprentar no prelo da mítica Nós en xullo do 36. Casal compuxera xa os orixinais, pero o asalto fascista ao local da Rúa do Vilar 15 e a destrución dos materiais que nel había fixo que nunca chegasen a ver luz obras como o libro de relatos Auga lizgaira de Ánxel Fole; o Diario dun médico de garda de Luís Pimentel; o primeiro volume dos Ensaios de Ramón Otero Pedrayo ou Os ruíns, un feixe de contos da autoría de Xosé María Álvarez Blázquez.”