Entrevista de Montse Dopico a Marcos Abalde en Praza:
“”Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia”. Iso di Marcos Abalde. E diso falan os seus dous últimos libros, Exhumación (Xerais), IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, e Oenach (Espiral Maior), XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Antes destes dous poemarios, coñeciámolo polas súas pezas de teatro. Mais as temáticas son as mesmas. Como erguer a fraternidade no medio da depredación. Falamos con el das dúas últimas obras e recuperamos partes dunha conversa anterior sobre a súa creación teatral.
– Praza: O xurado dixo de Oenach que era unha adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Coma Exhumación, é un libro sobre a opresión. Como toda a túa obra.
– Marcos Abalde: A opresión, a dominación, é o tema que máis me preocupa, si. A dominación en todos os aspectos: entre pobos, linguas, clases sociais, entre homes e mulleres… Non sabería explicar moi ben as diferenzas, nese sentido, entre Oenach e Exhumación. Son as mesmas obsesións… Se cadra porque é o tema que nos urxe resolver. Non podemos caer no fatalismo de que non hai saída á explotación do home polo home. Na historia as cousas foron mudando e hai esperanza de seguir mudando a sociedade. A idea de que a fin da historia é o capitalismo liberal é unha superstición. (…)”